Pontón denuncia en Lugo o incumprimento dos cribados de cancro de mama

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, denunciou en Lugo que a Xunta non está a cumprir a promesa feita polo presidente Alfonso Rueda hai tres anos de estender os cribados de cancro de mama ás mulleres de entre 45 e 50 anos. A líder nacionalista, que mantivo unha reunión coa dirección da Escola Politécnica Superior de Lugo, advertiu que o Goberno galego “non está a realizar” esas probas e instou a Rueda a explicar “por que esconde os datos” sobre esta cuestión.
Pontón aproveitou a súa visita á cidade para anunciar que o BNG presentará unha emenda á Lei de Acompañamento dos Orzamentos de 2026 co obxectivo de establecer unha moratoria real e indefinida que deteña a expansión do eucalipto. Fíxoo desde Lugo, asegurando que o Executivo de Rueda, “na vez de defender Galiza fronte aos incendios, defende os intereses das pasteiras e das macrocelulosas como Ence, Navigator ou Altri”.
Durante o encontro coa dirección da Escola Politécnica, a líder nacionalista analizou os cambios estruturais que cómpre implantar na ordenación, planificación e xestión do monte e do rural, compartindo as propostas incluídas no plan do BNG Da Cinza á Vida. Pontón insistiu en que é urxente unha moratoria indefinida do eucalipto, lembrando que Galiza xa conta con case o dobre de superficie plantada da prevista para 2032. “En medio dun cambio climático que fai os incendios cada vez máis voraces, seguir eucaliptizando o país é un despropósito”, advertiu.
A portavoz do Bloque considerou que a “política forestal fracasada do Partido Popular” está a agravar o risco de incendios e contribuíndo á perda de diversidade do monte lucense. “Rueda, en vez de defender o interese xeral de Galiza, está a favorecer os intereses das pasteiras, desde Ence a Navigator ou Altri”, denunciou, para engadir que a chamada “moratoria fake” do PP “é unha barra libre para a plantación do eucalipto”.
Pontón avanzou tamén que o BNG presentará unha emenda aos Orzamentos da Xunta para crear un plan de compensación de cinco millóns de euros destinado aos propietarios e propietarias de plantacións de piñeiros afectados por pragas, especialmente a da banda marrón, que está a causar importantes perdas en zonas do interior lucense. “Hai que compensar as perdas, promover tratamentos preventivos e investigar especies máis resistentes”, explicou.
A líder nacionalista concluíu que é imprescindible cambiar as políticas forestais da Xunta e apostar por dinamizar o medio rural de Lugo e do conxunto do país a través dun “monte ordenado e multifuncional” que xere rendas e contribúa a frear os incendios.
En canto aos cribados de cancro de mama, Pontón formulou dúas preguntas directas a Rueda: “Por que esconde os datos dos cribados de mama? Que é o que ten que ocultar o Partido Popular?”. Ademais, cuestionou “por que as mulleres de entre 45 e 50 anos non están sendo chamadas” para participar nesas probas, tal e como o presidente anunciara hai tres anos. “Coa saúde das galegas non se xoga”, advertiu, pedindo transparencia e compromiso coa prevención sanitaria.