Pontón e Miranda piden o voto ao BNG en Lugo para que Galiza teña voz propia en Bruxelas

LugoXa
A portavoz nacional, Ana Pontón, e cabeza de lista, Ana Miranda, pediron en Lugo a mobilización masiva de todos os galegos e as galegas o próximo domingo
ponton_miranda_en_lugo
Imaxe do mitín en Lugo
3 Xuño 2024

A portavoz nacional, Ana Pontón, e cabeza de lista, Ana Miranda, pediron en Lugo a mobilización masiva de todos os galegos e as galegas o próximo domingo, acudindo ás urnas coa papeleta do BNG porque é a que representa a “candidatura do País” e a que defenderá en Bruxelas os intereses dos galegos e as galegas.

“A candidatura do Bloque é a candidatura de País, a que os galegos e as galegas poden sentir como propia porque somos o equipo da casa, o único que vai defender as cores de Galiza, desde a razón e desde o corazón, con toda a nosa forza”, proclamou Pontón, quen incidiu ademais no dobre valor que ten o voto ao BNG: como garantía de que Galiza vai ter en Bruxelas unha “voz firme e reivindicativa” que a defenda e como garantía para construír “outra Europa posible, social, feminista e pacifista”.

Nunha chamada á participación e a encher as urnas de papeletas do Bloque, incidiu que a candidatura que encabeza Miranda é a de toda a cidadanía “que quere que Galiza conte e que quere construír unha Europa social e dos pobos, e tamén a Europa da paz”. Por iso estas eleccións “non van nin de Sánchez nin de Feijóo, nin de que nos impoñan as súas liortas e a crispación madrileña”. Estas eleccións van, engadiu, “dos galegos e as galegas, dos nosos sectores produtivos, das infraestruturas urxentes que precisa Galiza para estar ben comunicada e poder competir, de reforzar os servizos públicos, da xente do mar e do rural, de darlle futuro á xente moza no País para que non se vexa na obriga de emigrar por falta de oportunidades”.

A líder do BNG subliñou que o escano do BNG fará bandeira da defensa do sectores produtivos, como o agrogandeiro, tan importante na economía de Lugo e para manter un rural vivo no que se produzan alimentos de calidade. Neste punto, defendeu unha Política Agraria Común (PAC) que se adapte ás explotacións agrogandeiras e teña en conta a realidade galega. Criticou, neste sentido, as políticas agrarias que poñen por diante das pequenas e medianas explotacións aos grandes terratenentes, latifundistas -dixo- que reciben priman as grandes extensións aínda que non produzan nada.

Fronte a estas axudas para “agricultores de sofá”, avogou por outra PAC “adaptada á nosa realidade, que en lugar de recortar e limitar permita desenvolver todo o noso potencial produtivo, porque o sector agrogandeiro é estratéxico para nós, recalcou. Contrapuxo así a voz do BNG en defensa do “dereito a producir na propia terra” ás políticas comunitarias que van contra os intereses galegos co aval, e mesmo a complicidade, dos distintos gobernos do Estado e das forzas do bipartidismo, que agora mesmo optan por pórse de perfil ou por apoiar directamente a instalación dunha industria contaminante como a de Altri no corazón de Galiza.

“A partir do 9-X o Bloque volverá a voz contra a discriminación dos nosos sectores produtivos e a voz que defenda o dereito a desenvolver o potencial do País, empezando polo sector agrogandeiro, porque é a maneira de xerar riqueza e emprego digno na nosa terra”, concluíu.

0.15386700630188