Pontón pide unha mobilización masiva na marcha contra Altri deste domingo

LugoXa
A Plataforma Ulloa Viva solicitou ao Ministerio de Cultura unha valoración sobre impacto da futura macrocelulosa nos Bens Patrimonio da Humanidade
visita-ponton-pazo-de-vilane
29 May 2025

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou a granxa avícola Pazo Vilane, no concello de Antas de Ulla, que definiu como un exemplo perfecto de emprendemento demostrando que desde o rural se poden poñer en marcha proxectos que crean riqueza e postos de traballo desde o respecto ao medio ambiente e ao territorio.

Especialista na produción de ovos camperos de calidade, esta granxa xera 90 postos de traballo, conta con dezaseis núcleos de produción que se traducen en cinco millóns de ducias de ovos ao ano; un proxecto innovador que revitaliza e asenta poboación no rural, con epicentro en Antas de Ulla, concello da comarca da Ulloa na que o goberno de Rueda quere impoñer a macrocelulosa ALTRI.

“Inexplicablemente esta riqueza, este emprego, este rural vivo e activo está ameazado polo empeño do PP de impoñer ALTRI, unha auténtica bomba ambiental no corazón do rural, que o goberno do señor Rueda quere colocar no corazón de Galiza, pese a que supón poñer en risco miles de postos de traballo e o medio de vida de miles de familias”, explicou, un risco que hai que frear.

Con ese obxectivo, a líder do BNG considera clave seguir coa mobilización social e por iso apela a unha mobilización masiva na marcha contra as macrocelulosas convocada para este domingo, que partirá de Pontevedra e de Marín para xuntarse simbolicamente ante a sede de ENCE.

“Galiza quere industria, pero industria do século XXI, innovadora e de vangarda, respectuosa co medio ambiente, industria de futuro, subliña, pero o goberno do PP só ofrece pasado, volver ó pasado do franquismo industrial das macrocelulosas contaminantes. En 1963 foi ENCE, en 2025 ALTRI, sesenta anos despois o único que ofrece o Partido Popular é o mesmo franquismo industrial das macrocelulosas”, denunciou a líder do Bloque.

“Aniquilaron a riqueza da Ría de Pontevedra pero non lle imos permitir que fagan o mesmo coa Ría de Arousa, nin coa comarca da Arzúa-Ulloa, nin co Río Ulla. Non lle imos permitir que poñan os intereses de ALTRI por riba da vida das persoas”, recalcou, ao tempo que lle pedía a Rueda que rectifique porque aínda está a tempo de deixar de exercer de comercial de ALTRI para poñerse do lado de Galiza.

“Desde Antas de Ulla, visitando un proxecto innovador e de referencia como é Pazo Vilane, pídolle a Rueda que rectifique, que defenda os intereses de Galiza, da xente do rural e da xente do mar. ALTRI é un atentado ecolóxico contra Galiza, e desde o BNG imos facer todo o posible para que ese atentando non se leve a cabo, man a man coa cidadanía que quere un futuro para este País, que non pasa nin por envelenar os nosos montes, nin os nosos ríos e rías, nin o noso medio rural”, explicou.

ALTRI supón quitarlle á xente do rural o seu medio de vida, converter o monte nun polvorín avanzando na eucaliptización, ignorando o cambio climático e o drama dos incendios. “Non queremos para Galiza unha macrocelulosa dunha multinacional portuguesa que quere vir aquí en UTE con empresas amigas do PP a facer o que non lle deixan facer en Portugal, queremos industria do século XXI e non proxectos contaminantes que ninguén máis quere pero que aquí atopan no PP un aliado”, concluíu.

PETICIÓN DA PLATAFORMA ULLOA VIVA

A Plataforma Ulloa Viva presentou esta mañá un escrito dirixido ao Ministerio de Cultura aos efectos de que por parte dos servizos técnicos de dito Ministerio se emita informe de valoración sobre o impacto patrimonial do proxecto Altri sobre o Valor Universal Excepcional dos bens declarados Patrimonio Mundial-Camiño de Santiago.

Dito Ministerio é competente para a emisión de tal informe de avaliación aos efectos do seu posterior traslado á Unesco e incorporación aos informes periódicos de seguimento de dito ben Patrimonio da Humanidade e conforme á Convención de Patrimonio Mundial da Unesco.

En dito escrito da Plataforma ponse a disposición do Ministerio de Cultura o expediente íntegro do proxecto Altri, no que, entre outros, figuran os distintos informes da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural (DXPC) da Xunta así como os informes externos presentados por Greenfiber e que fundamentaron o informe final da DXPC e, ao cabo, a Resolución de Declaración de Impacto Ambiental (DIA).

A Plataforma fai constar ao respecto que, tal e como figura nunha resposta parlamentaria do goberno e publicada recentemente no Boletín Oficial das Cortes o Ministerio de Cultura solicitou “reiteradas veces” á Xunta información do proxecto, a pesar do cal a Xunta non lle enviou dita información, a pesar de que o Ministerio de Cultura debe realizar un informe de valoración sobre os proxectos que poidan ter un impacto potencial sobre os bens declarados Patrimonio da Humanidade, como é o caso do Camiño de Santiago.

O silencio da Xunta a esa reiterada petición de documentación por parte do Ministerio de Cultura é unha proba mais da falla de transparencia en todo o procedemento e un incumprimento flagrante do deber de colaboración institucional Xunta-Ministerio en relación cos valores de protección do Camiño de Santiago.

No escrito dirixido ao Ministerio de Cultura a Plataforma tamén reitera o feito de que o Informe final da DXPC e da propia DIA non foron precedidos de informe independente de avaliación de impacto patrimonial, tal e como demandara no seu momento Icomos-España. Ao contrario, os informes (de impacto visual e patrimonial) que fundamentaron o informe final da DXPC (incorporado á DIA) foron informes de parte, contratados e pagados por Altri, á marxe de Icomos (entidade que publicamente se desmarcou dos mesmos).

⚙ Configurar cookies
0.17196393013