Pontón propón en Friol un plan de rescate do rural

TerraChaXa | LugoXa
Pontón propón un plan de rescate do rural que ten como clave unha política de discriminación positiva de servizos públicos
24 Jun 2022

Aposta por medidas como reverter os recortes en sanidade, educación e garantir servizos bancarios; mobilizar 100.000 hectáreas para producir alimentos de calidade e apostar pola innovación e a comercialización.

A portavoz nacional, Ana Pontón, visitou en Friol varios proxectos innovadores e sustentables no medio rural, promovidos por mulleres, que a líder do BNG puxo como exemplos de que é posible un rural vivo e con futuro se conta cunha política de goberno que mude o abandono do Executivo do PP por apoio.

Un abandono que ten cifras: en 2021 quedou sen executar o 21% do orzamento e desde 2009 o investimento en valorizar e dinamizar o medio rural caeu en 1.412 millóns de euros.

“As políticas do PP teñen como consecuencia un rural que vai a menos, que perde poboación, no que as rendas son un 25% inferiores á media e cun recorte progresivo de servizos básicos en educación, sanidade e até bancarias”, explicou Pontón tras visitar Traloagro, un proxecto sustentable de produción de vacún en Friol.

Pontón destacou que o 90% do territorio é rural e ten o 40% da poboación e, polo tanto, non pode entenderse Galiza sen o rural. “Queremos un medio rural vivo”, salientou, por iso o BNG propón un Plan estratéxico para un rural vivo e con futuro estruturado en dez liñas de actuación que ten como principal baza unha política de discriminación positiva en materia de servizos públicos, con medidas concretas: manter os servizos educativos, -o PP na Xunta pechou 110 escolas unitarias-, reverter os recortes sanitarios no medio rural, garantir os servizos bancarios e reforzar todos os servizos sociais.

A segunda liña estratéxica ten como obxectivo  conseguir un rural produtivo que permita a soberanía alimentaria, e para iso inclúe rescatar 100.000 hectáreas en dez anos para uso agrario. “Producir alimentos de calidade é clave como acabamos de ver na pandemia”, argumenta, pero a superficie destinada a produtos de consumo humano e o 3,9%, mentres que no conxunto do Estado é o 25,5%, por contra, Galiza ten un 20% do seu territorio ocupado por eucaliptos.

Unha produción no sector agropecuario que debe ir acompañada de innovación, investigación e transformación, terceira liña estratéxica;  e nesa mesma dirección, facilitar a comercialización, con centros comarcais de envasado e etiquetaxe parar facilitar a venda da produción de quilómetro cero; a creación dunha plataforma  público-privada de comercialización online, a modo de amazon galego para produtos frescos e elaborados de orixe agrogandeira.

A quinta liña estratéxica do plan de rescate é a dotación en infraestruturas, cunha aposta pola dixitalización do medio rural e por estender as novas tecnoloxías, mellorar as comunicacións para garantir unha mobilidade propia do século XXI, potenciar o transporte público e apostar polo tren como transporte de conexión tamén na Galiza interior.

A sexta liña de traballo pon o foco en conseguir rendas xustas e dignas para produtores e produtoras,  establecendo na Lei da cadea alimentaria un mecanismo de fixación de prezos que imposibilite vender a perdas.

Empoderar á muller no rural

Un aspecto igualmente fundamental do plan para un rural vivo son as políticas de igualdade para a muller, “darlle o recoñecemento e o papel que lles corresponde tamén no medio rural porque son imprescindibles, con máis apoio ás emprendedoras e con medidas eficaces de conciliación”, explicou.

Igualmente, oitava liña estratéxica, é imprescindible “rexuvenecer o rural”, e iso pasa por atraer a xente moza, por facilitar o relevo xeracional, indo máis aló das axudas directas, “porque só poderemos levar á mocidade ó medio rural cando lle ofrezamos servizos, rendas dignas, infraestruturas, boas comunicacións, ocio, tecnoloxía”.

Dada a importancia específica do sector lácteo, -con máis de 6.000 explotacións de vacún de leite-, o BNG inclúe a creación dunha empresa láctea público-privada con participación de pequenas produtoras e cooperativas para a transformación do leite en produtos de alto valor engadido. Finalmente, a décima liña estratéxica pasa por conseguir vincular as axudas da PAC á produción e non á superficie, para evitar o prexuízo do sector agroganderio galego.

 “Non podemos estar a expensas do que outros queiran producir a miles de quilómetros, insistiu, e darlle futuro ó rural implica oportunidades económicas, ambientais e máis calidade de vida sobre todo con proxectos como os que hoxe vistamos en Friol que demostran que se pode producir con criterios ecolóxicos e de sustentabilidade, unha liña de traballo con enorme futuro pola que aposta o BNG”, concluíu.

Pontón visitou en Friol proxectos como Traloagro, de comercialización sostible de vacún galego; Panadería Concha, cos produtos elaborados ao xeito tradicional ou a Queixería ecolóxica Bértolos e Serranos. Acompañada da deputada por Lugo Olalla Rodil e da vicepresidenta da Deputación, Maite Ferreiro, tamén visitou o Museo de San Paio de Narla, cun proxecto en clave de igualdade, sustentabilidade e que pon en valor o traballo das mulleres no rural.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18546199798584