Pornografía, abusos e roles de xénero: que está detrás do aumento da violencia sexual?

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Segundo o último informe do Ministerio de Interior, no 2022 cometéronse 19.
3 Feb 2024

Segundo o último informe do Ministerio de Interior, no 2022 cometéronse 19.013 delitos sexuais. Moitos expertos poñen o foco no consumo de material erótico, que pode chegar a normalizar crenzas sexistas

Lucía Blanco

No ano 2016 unha rapaza de 18 anos foi violada por cinco homes nos sanfermines. No 2021 outra menor foi vítima doutro delito durante a castañada en Igualada. E no 2023 unha nena de 11 anos sufriu unha violación grupal nun centro comercial en Badalona. O que parecen realidades alleas, sucédense e repítense co tempo, tendencia que parecen confirmar as propias cifras. Segundo o último Informe sobre Delitos contra a Liberdade Sexual publicado polo Ministerio de Interior, no 2022 cometéronse 19.013 delitos sexuais, fronte ós 17.016 rexistrados no exercicio anterior.

As agresión sexuais, os abusos, o acoso sexual e outros ciberdelitos como o 'grooming' ou a pornovenganza contémplanse dentro do termo violencia sexual. Non obstante, como mantén outro informe encargado polo Ministerio de Interior, “o fenómeno da violencia sexual non se restrinxe nin é equivalente ao de delito sexual”. Deste xeito, segundo os autores da análise, no noso país sucédense cada ano 400.000 actos deste tipo, aínda que a maioría non teñan unhas consecuencias penais.

Moitos profesionais poñen o foco na vinculación entre as agresións sexuais e o consumo de pornografía, aínda que se trata dunha relación que non se pode demostrar tal e como defenden dende a Sociedade Galega de Sexoloxía. “Que haxa unha agresión sexual non é un efecto de ver pornografía, non é unha causa efecto nin algo directo, senón que o porno pode influír en que haxa unha violencia e unha agresión. As causas son moitas, hai tanto compoñentes individuais e subxectivos da persoa como factores sociais”, explica Vanessa Rodríguez Pousada, psicóloga sanitaria, sexóloga e vicepresidenta de Sogasex.

Porno, primeiro contacto coa sexualidade

A idade de iniciación no consumo de material erótico ten moito que ver, xa que moitos nenos, nenas e adolescentes achéganse aos motores de busca para satisfacer a súa curiosidade e normalizan as prácticas e as condutas que atopan neste tipo de contidos. Segundo unha investigación de Save the Children publicada no 2020, a idade media sitúase nos 12 anos. Pero outra das conclusións do estudo, no que contaron coa participación de 1.753 mozos de entre 13 e 17 anos, tampouco deixa indiferente a ninguén: un 93,9 % dos enquisados consume pornografía na intimidade. E fano a través do móbil.

“Se nas xeracións anteriores os adolescentes intercambiaban revistas ou películas pornográficas, coa expansión da internet e os smartphones este intercambio é de memes, 'gif', fotos, enlaces a vídeos ou vídeos completos”, recolle a investigación. O porno convértese nunha porta de acceso á sexualidade, de tal xeito que sen unha educación axeitada existe unha maior exposición a determinadas condutas de risco e entra en xogo unha “posible falta de capacidade da adolescencia para ser crítica coa pornografía e para comprender que o que ve é ficción”.

Tan só un clic pode separalos deste tipo de contidos de ficción pensados para adultos, aínda sen estar preparados para entender e asimilar o que na rede atopan. “Se para os máis cativos se converte na única fonte sobre relacións sexuais cuestiónanos aos adultos, quere dicir que non estamos a facer o noso traballo noutros eidos, tanto dende as familias como na escola”, engade a vicepresidenta de Sogasex. Que barreiras tradicionais como a idade ou a necesidade de mostrar a identidade desapareceran en moitas webs tamén facilita a incorporación dos máis cativos aos portais, aínda que a solución para Vanessa non se limita a un esforzo a nivel lexislativo. “Ás veces agarrámonos á prohibición, como pensando así non van a chegar a eses contidos, pero sabemos que iso pode dificultalo pero non quere dicir que non vaian a chegar. Debemos intentar que saiban que o que está vendo é unha ficción e que teñan unha visión crítica sobre o que están consumido”.

Erotización da infancia

Pero as portas de entrada non se restrinxen ás canles máis convencionais, xa que tamén ten influencia a erotización das redes sociais, nas que se concentran publicacións que normalizan o feito de publicitar os corpos. Porén, esta tendencia responde a un fenómeno social. “O que estamos vendo na última década é unha erotización temperá da infancia e vémola nos modos en que os adultos visten aos máis cativos ou por exemplo nos bailes de fin de curso. Iso non xorde dos máis cativos de forma espontánea, é algo que poñen os adultos neles”.

Non se pode establecer un acordo á hora de determinar as consecuencias do consumo de material pornográfico na conduta de cada individuo. Non obstante, obsérvase que este tipo de representacións xera expectativas no tocante “ás relacións sexuais e á formación de certas crenzas sexistas, destacando a afirmación do mito de violación e dos roles de xénero, os cales son representados na gran maioría de películas pornográficas”, tal e como recolle unha revisión publicada por catro investigadores da Universidade de Santiago de Compostela.

A visión codificada da muller ou os procesos de sedución baseados na utilización están presentes en moitas das escenas ás que acceden e moldean a maneira na que os adolescentes entenden a sexualidade. Porén, a vicepresidenta de Sogasex vai máis aló. “O porno que chega de maneira masiva é o que reproduce eses modelos, pero eses modelos aparecen noutros ámbitos da sociedade de maneira masiva. En calquera película romántica adoita haber unha sumisión da muller cara ao home e isto chega de maneira moito máis masiva, aínda que parece que non nos preocupa tanto”.

0.1323709487915