Portas abertas na escola de fútbol Sagrado Corazón
Final de tempada no fútbol infantil e momento de conseguir novos xogadores. Para ter lista a planificación do vindeiro curso, o ADC Sagrado Corazón organiza as súas xornadas de promoción do deporte. Así, o club abre as portas da súa Escola de fútbol para nenos de 3 a 18 anos.
Os futuros xogadores interesados en probar, de balde, os adestramentos do Sagrado Corazón, poderán achegarse dende hoxe ata as instalacións do club para divertirse e aprender “a través da forma de traballo na nosa entidade coñecendo aos adestradores e os seus posibles compañeiros na próxima tempada”.
As xornadas de portas abertas arrancan hoxe e se prolongarán ata o 16 de xuño. Todos os xogadores das categorías biberón, prebenxamín, benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil, poderán exercitarse os días de adestramento establecidos e serán dirixidos polos técnicos da estrutura do club.
Os interesados en participar poden facelo inscribíndose no enderezo habilitado a tal efecto ou na páxina web do club. Tralas probas, o xogador poderá decidir darse de alta no club na vindeira tempada, abrindo matriculacións no mes de xuño.
LUGO SALA
Tamén Lugo Sala ten abertas as súas portas, dende este luns, para os adestramentos de futuros novos xogadores. Unha actividade de balde na que darán a coñecer o traballo da súa Escola de fútbol sala, así como aos adestradores e futuros compañeiros. Poderán participar nenos e nenas dende os 3 e ata os 18 anos. Ademáis, tamén abrirán as portas para o equipo senior feminino. As incripcións faranse no enlace habilitado.