Portomarín abre o prazo para inscribirse no Campamento de Verán e no servizo Madruga Verán 2025

O Concello de Portomarín vén de abrir o prazo de inscrición para o Campamento de Verán 2025 e o servizo complementario Madruga Verán, dentro do Programa Lúdico Verán.
A proposta, pensada para facilitar a conciliación familiar durante a época estival, desenvolverase de luns a venres e inclúe actividades para nenas e nenos no Espazo Xuvenil do municipio.
O servizo madrugador funcionará de 08:30 a 10:00 horas, mentres que as actividades lúdicas e educativas se desenvolverán entre as 10:00 e as 15:00 horas. A entrega e recollida da rapazada realizarase no propio Espazo Xuvenil, que será o punto central das actividades.
O prezo do campamento é de 40 euros por quincena, aínda que as familias empadroadas en Portomarín e co alumnado matriculado no CEIP Virxe da Luz contarán cunha subvención municipal.
O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto ata o vindeiro 12 de xuño, e tanto as bases como a documentación necesaria poden consultarse no rexistro do Concello ou nos servizos sociais.
O Concello lembra que o pagamento deberá realizarse unha vez publicada a lista provisional de persoas admitidas e excluídas, tal e como se establece na normativa do programa.