Portomarín acolle a X Carreira Popular ‘A Carón do Río’ no marco da Festa da Augardente

Portomarín será escenario o vindeiro 4 de abril da décima edición da Carreira Popular A Carón do Río, unha cita deportiva incluída na programación da Festa da Augardente e que forma parte do XII Circuíto Miño Ulla de carreiras populares.
A proba ofrece diferentes distancias adaptadas a todas as idades, con percorridos que van desde os 100 metros nas categorías de menores ata aproximadamente 7 quilómetros e 300 metros na categoría absoluta, permitindo a participación tanto de atletas experimentados como de público afeccionado.
A entrega de dorsais realizarase a partir das 16:00 horas no pavillón municipal. As carreiras das categorías inferiores darán comezo ás 17:30 horas, mentres que a saída da proba absoluta está prevista para as 18:30 horas.
As inscricións permanecerán abertas ata o 29 de marzo. A xornada concluirá coa entrega de premios, que terá lugar no pavillón municipal a partir das 19:30 horas.
A organización anima á participación nesta cita que, ademais do seu carácter deportivo, permite descubrir Portomarín, un dos puntos máis emblemáticos do Camiño de Santiago.