Portomarín acollerá unha xornada sobre os os programas sanitarios desenvolvidos polas ADSG
A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, dependente da Consellería do Medio Rural, organiza unha xornada técnica sobre vixilancia sanitaria nas Agrupacións de Defensa Sanitaria Gandeira (ADSG), centrada en enfermidades e aplicacións informáticas.
A xornada, que terá lugar no salón de actos do Pazo do Xeneral Paredes, en Portomarín, abordará os programas sanitarios desenvolvidos polas ADSG de gando vacún e, en concreto, cos plans de alerta sanitaria veterinarios e enfermidades de declaración obrigatoria.
Ademais, trataranse cuestións vencelladas co uso responsable dos medicamentos veterinarios, especialmente antimicrobianos; a utilización de ferramentas web para facilitar a xestión de información sobre o uso de antibióticos veterinarios e a comunicación coa Administración.
O grupo de relatores está conformado por persoal altamente cualificado das diferentes direccións xerais da Consellería e das ADSG colaboradoras.
A acción desenvolverase en horario de tarde, de 16.00 a 20.20 horas, e a primeira metade da xornada comezará cun relatorio centrado na resistencia aos antimicrobianos e o concepto One Health. De seguido, centraranse nos xermes detectados nas granxas de vacún en relación coa saúde humana e na Presvet e a súa contribución ao uso responsable de antibióticos veterinarios. Logo dunha pausa, impartirase un relatorio sobre o control de enfermidades na ADSG e outro centrado na Oficina Agraria Virtual. A xornada técnica rematará cunha mesa redonda sobre os temas tratados.
Con esta acción formativa, a Axencia quere informar das liñas de investigación que se están levando a cabo neste eido, relacionadas coa produción de alimentos seguros e saudables, a través da vixilancia na produción primaria e na sanidade animal.