Portomarín conta cun punto de atención sanitaria para peregrinos que camiñan cara a Compostela

O municipio de Portomarín dispón durante o verán dun punto de atención dirixido a peregrinos que realizan o Camiño de Santiago, unha iniciativa impulsada grazas á colaboración entre a Consellería de Sanidade e Cruz Vermella.
O conselleiro Antonio Gómez Caamaño visitou este espazo acompañado polo delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias; o director de xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa; e o xerente da área sanitaria de Lugo, Ramón Ares.
O persoal voluntario da Cruz Vermella ofrece valoracións e coidados de feridas superficiais, rozaduras ou bochas, atendendo tamén casos de fatiga e sobreesforzo. Só se derivan ao centro de saúde os casos que realmente o requiren, como indicou o conselleiro, quen subliñou que a maior parte das incidencias poden resolverse con atención básica no propio punto habilitado.
Este local, situado nun punto estratéxico de Portomarín e cedido polo Concello, está aberto todas as tardes da semana durante o verán, coincidindo cos momentos de maior chegada de camiñantes. Gómez Caamaño destacou que se trata dun espazo especialmente acondicionado para dar respostas rápidas e eficaces aos problemas máis comúns, moitos deles clave para evitar complicacións que poderían impedir que os peregrinos continúen o seu camiño con seguridade.
O titular de Sanidade sinalou que esta iniciativa permite desconxestionar o centro de saúde da vila, un recurso moi demandado debido ao elevado tránsito de peregrinos que atravesan Portomarín, converténdoo nun punto neurálxico do Camiño. A existencia deste servizo representa, segundo o conselleiro, un alivio significativo para o centro médico local e favorece un uso máis racional dos recursos sanitarios dispoñibles.
Esta colaboración entre Cruz Vermella e Sanidade insírese na estratexia da Xunta para reforzar a atención sanitaria durante os meses de maior afluencia. Gómez Caamaño agradeceu o compromiso e o traballo do voluntariado e garantiu que se continuará promovendo este modelo de cooperación co obxectivo de mellorar a calidade dos servizos e acompañar aos peregrinos na súa ruta cara a Compostela.
Reunión co alcalde de Portomarín
Antes da visita ao punto de atención ao peregrino, o conselleiro mantivo un encontro co alcalde da vila para tratar asuntos relacionados coa atención sanitaria no municipio. Tamén participaron na reunión o delegado territorial da Xunta en Lugo e o xerente da área sanitaria.
Durante a xuntanza, Gómez Caamaño reiterou o compromiso do Goberno galego coa veciñanza de Portomarín para garantir unha asistencia médica de calidade, mesmo durante o verán e malia á escaseza de profesionais, especialmente nas áreas de medicina de familia e pediatría.
O conselleiro puxo en valor o esforzo organizativo da Xunta para asegurar presenza médica diaria no concello grazas á redistribución de profesionais e á continuidade nas coberturas, de maneira que sexan os mesmos médicos quen atendan aos pacientes. Así mesmo, volveu reclamar ao Ministerio de Sanidade que adopte con urxencia as medidas necesarias para que as comunidades autónomas poidan contar cun maior número de médicos de atención primaria.