Portomarín encherase de música e baile cos Domingos Folclóricos durante todo o mes de agosto

O Concello de Portomarín, en colaboración coa Deputación de Lugo, celebrará ao longo de todo o mes de agosto os tradicionais Domingos Folclóricos, unha cita xa consolidada no calendario cultural da comarca que enche a vila de música, baile e tradición.
A programación comezará o 3 de agosto coa participación da agrupación local A.C. Río Miño de Portomarín e da A.C. Falcatrueiros de Monterroso. O domingo 10 será a quenda da A.C. Meigas e Trasgo de Sarria e da agrupación Axeigo de Rábade. O 17 de agosto, a actividade continuará coa A.C. Legua Dereita do Corgo e Os Xígaros de Lugo, mantendo viva a tradición do folclore galego.
Xa o 24 de agosto, subirán ao escenario a Asociación Folclórica de Lemavos de Monforte de Lemos e a A.C. O Feitizo de Foz, e a programación pecharase o domingo 31 coa A.C. Río Miño de Portomarín, que volverá actuar, e as Cantareiras D’Xanarés Lugo.
Con este ciclo de actividades, Portomarín converte agosto nun mes de encontro coa cultura popular galega, promovendo o folclore local e comarcal e consolidándose como un referente na difusión das nosas tradicións.