Portomarín mobilízase contra o recorte de profesorado no CEIP Virxe da Luz

Preto dun centenar de veciñas e veciños de Portomarín, convocados pola ANPA do CEIP Virxe da Luz, manifestáronse esta mañá para reclamar que se manteña o profesorado do curso anterior e continúen os agrupamentos de dous cursos, en lugar dos de tres que pretende aplicar a Consellería de Educación.
O ano pasado, a pesar de que a matrícula se incrementara, tamén se intentou reducir profesorado e crear aulas con tres cursos de diferentes ciclos —1º, 2º e 3º por unha banda; e 4º, 5º e 6º por outra—, pero tras as protestas a Consellería rectificou e enviou un docente máis. Este curso, coa matrícula de novo en aumento, o centro enfróntase a outro recorte, segundo a Administración amparado nunha modificación legal que, con todo, establece que deben conservarse os mesmos agrupamentos que o ano anterior. Ademais, continúa sen cubrirse a praza de profesora de inglés, ao atoparse a titular en comisión de servizos.
A presidenta da ANPA, Soraya González, cualificou a situación de “incoherente” e advertiu de que a aplicación progresiva das ratios “carece de sentido”, xa que permite que nun agrupamento de tres cursos haxa máis alumnos ca nun de dous ou que na infantil se limiten a 15 mentres que en primaria poidan xuntarse 15 rapaces de ciclos distintos. Por iso, na protesta tamén se esixiu o fin desta normativa, que, segundo a asociación, prexudica gravemente ao ensino no rural.
A manifestación contou co respaldo da Corporación municipal, con concelleiros do PP e do PSOE, o alcalde á cabeza, e coa presenza da voceira provincial socialista na Deputación de Lugo, Pilar García Porto.
A ANPA xa remitiu un escrito á Consellería reclamando que se manteñan as condicións do curso pasado, insistindo en que unha normativa que se presenta como mellora non pode derivar en peores condicións para o alumnado.