Portomarín: Continúa o bipartidismo

LugoXa
En Portomarín o Partido Popular gaña un concelleiro, que perde o PSOE, e os independentes quedan sen representación
pp portomarin
6 Jun 2023

Os populares de Pablo Rivas gañan un concelleiro e os independentes non logran a representación que buscaban para poder ser chave de goberno.

CONCELLEIROS

◆ Pablo Rivas Folgueira (PP)
◆ Javier Rodríguez Vázquez (PP)
◆ José Manuel López González (PP)
◆ Ana Isabel Rivera Fente (PP)
◆ Víctor Manuel Vidal Martínez (PP)
◆ Silvia Rodríguez Conde (PP)
◆ Marcos Arias Rodríguez (PSOE)
◆ Tania Rodríguez Rodríguez (PSOE)
◆ Sergio Vázquez González (PSOE)

Portomarín mantén o bipartidismo pero muda os seus resultados tras dúas eleccións nas que PP e PSOE se repartiron os concelleiros do mesmo xeito. Tanto no 2015 coma no 2019 os populares obtiveron a maioría absoluta pola mínima con cinco concelleiros fronte aos catro acadados polos socialistas.

Nesta cita coas urnas a lista liderada por Pablo Rivas ampliou a súa ventaxe sobre o PSOE conseguindo un concelleiro máis e quedando cun total de seis, polo que volverá ser alcalde durante esta lexislatura. Malia que o número de votos é menor con respecto aos anteriores comicicos, pasando de 632 a 619, o descenso da poboación supón un aumento na porcentaxe conseguindo o PP o 58,23% dos votos o pasado 28 de maio.

Os socialistas, que buscaban ampliar a súa representación na corporación, volveron confiar en Marcos Arias pero a perda de case cen votos fixo migrar un concelleiro en favor dos populares.

Un 40 por cento dos votantes confiaron no PSOE nas eleccións do 2019 fronte ao 34,05 por cento que o fixo nestes comicios.

O BNG, que nas pasadas eleccións non acadou representación e conseguiu 26 votos, non presentou lista para estes comicios, quen si o fixo foi Terras de Portomarín, integrada dentro da plataforma Interior Galego Vivo. Con Roberto Rodríguez á cabeza os independentes conseguiron 70 votos que corresponde co 6,58 por cento dos sufraxios.

Só 163 persoas non acudiron á cita coas urnas, unha abstención máis baixa que a media da provincia, e representando o 13,20 por cento dos electores; os votos nulos e en branco tamén foron pouco representativos sendo un total de 8 e 12 respectivamente.

portomarin1923
Portomarin23
0.19100999832153