Portomarín pon en marcha unha campaña de recollida de xoguetes

LugoXa
As doazóns poderán entregarse no Espazo Xuvenil de luns a venres, en horario de tarde, das 15.00 ás 19.30 horas
Papá-Noel-en-Portomarín
11 Jan 2025

O Concello de Portomarín inicia unha nova campaña solidaria para dar unha segunda vida aos xoguetes que xa non se usan nos fogares tras as festas de Nadal.

Co lema de reutilizar e compartir, esta iniciativa busca recoller xogos de mesa, xoguetes interactivos e educativos, contos infantís e outros materiais que estean en bo estado pero que, de non ser así, acabarían no lixo.

Os xoguetes recollidos serán destinados á aula de Tardes Lúdicas, situada no Espazo Xuvenil, onde os pequenos da comunidade poderán desfrutar deles en actividades educativas e de lecer.

A campaña estará activa durante todo o mes de xaneiro e as doazóns poderán entregarse no Espazo Xuvenil de luns a venres, en horario de tarde, das 15.00 ás 19.30 horas.

Dende o Concello, fan un chamamento á solidariedade das familias para contribuír a esta acción, que non só fomenta a reutilización e a sustentabilidade, senón que tamén axuda a promover o xogo compartido e o acceso a recursos educativos para todos os nenos e nenas.

0.17648410797119