Portomarín prepárase para unha xornada de música e festa coa VII Foliada e III Cantos de Taberna

O vindeiro sábado 12 de xullo, a vila de Portomarín converterase nun auténtico escenario de festa e tradición coa celebración da VII Foliada e os III Cantos de Taberna, un evento organizado pola agrupación AC Río Miño.
A cita, que terá lugar na Praza do Camiño e nos diferentes bares da localidade, promete unha tarde e noite cheas de música, gastronomía e bo ambiente.
A programación arrincará ás 18:00 horas coa concentración dos grupos participantes, seguida ás 18:30 horas dos animados Cantos de Taberna, que se escoitarán polos distintos establecementos hostaleiros de Portomarín.
Ás 21:30 horas será o momento de compartir mesa na cea popular, aberta a todas as persoas que se acheguen ata a praza. Unha hora despois, ás 22:30 horas, comezará a foliada libre, e para poñer o broche final, ás 23:00 horas realizarase o tradicional conxuro da queimada.
Entre os grupos participantes nesta edición estarán A.C. Andrade (Vilalba), Nubeiro - Son Gallego (Lugo), Os do fondo da barra (A Coruña), Os tarabelos do Saviñao (O Saviñao), Os triskeles (Monforte de Lemos), Son de Outeiro (Outeiro de Rei) e A.C. Río Miño (Portomarín).
Tamén se contará coa colaboración de numerosos bares locais, entre eles: Bodegas Pérez, Casa Cruz, Café-Bar España, D'gusta, El Origen, La Peregrina, Mesón Rodríguez, O Mirador, Osteria El Italiano, Pons Minea, Portomiño e Posada del Camino.
Desde a organización animan a veciños e visitantes a participar activamente, traer os seus instrumentos e deixar que a música e a tradición sexan as protagonistas dunha noite inesquecible.