Portomarín retoma as actividades de inverno do programa “Móvete no rural” para maiores de 55 anos

A partir do mércores 15 de outubro, o Concello de Portomarín dará comezo ás actividades de inverno do programa Envellecemento Activo “Móvete no rural”, dirixidas exclusivamente a persoas maiores de 55 anos empadroadas no municipio.
As accións formativas incluirán talleres de memoria e sesións de ximnasia de mantemento, que se impartirán nos locais habituais: Bagude, O Cruceiro, Recelle e Pazo Xeral Paredes de Portomarín. Todas as actividades son gratuítas para os participantes.
Os horarios concretos serán os seguintes: Os mércores en Bagude, taller de memoria de 10.00 a 11.00 horas e ximnasia de 11.05 a 12.05 horas; no Pazo Xeral Paredes de Portomarín, memoria de 12.30 a 13.30 horas. Os xoves no local social de O Cruceiro, memoria de 10.30 a 11.30 horas e ximnasia de 11.35 a 12.35 horas. Os venres no local social de Recelle, memoria de 10.00 a 11.00 horas e ximnasia de 11.05 a 12.05 horas; no Pazo Xeral Paredes de Portomarín, ximnasia de 12.30 a 13.30 horas.
O programa destaca a importancia destes obradoiros. Os talleres de memoria axudan a preservar unha das capacidades cognitivas máis relevantes, que co paso do tempo pode verse afectada por factores asociados ao envellecemento, e xogan un papel esencial na prevención de demencias entre a poboación maior.
Pola súa banda, a ximnasia de mantemento contribúe a conservar e mellorar as habilidades motoras, promovendo a saúde xeral e a forma física dos participantes. Estas actividades buscan mellorar a calidade de vida e fomentar a participación activa das persoas maiores no municipio.