Lugo súmase á Distinguished Gentleman’s Ride 2026 cun evento solidario sobre rodas

Lugo e Portomarín acollerán o 17 de maio unha nova edición da Distinguished Gentleman’s Ride, unha iniciativa de carácter internacional que combina a paixón polas motocicletas clásicas co apoio á saúde masculina.
O evento, de ámbito mundial, reunirá participantes vestidos con estética elegante e vintage, que percorrerán as rúas en motos clásicas e de estilo retro. A finalidade principal é recadar fondos e dar visibilidade a causas como o cancro de próstata e a saúde mental dos homes, en colaboración coa fundación Movember Foundation.
A xornada en Portomarín incluirá música a cargo dun DJ, sesión fotográfica e vídeo, así como diferentes actividades complementarias. Ademais, os asistentes poderán desfrutar dunha consumición por cortesía do Concello e descontos en restauración.
A organización destaca o ambiente festivo e solidario da cita, que cada ano suma máis participantes en todo o mundo. As inscricións xa están abertas a través da web oficial do evento, cunha achega solidaria de 20 euros.