Portomarín volve brindar con cervexa na nova edición do BeerFest

LugoXa
Portomarín volve a brindar con cervexa coa nova edición da Portomarín Beerfest.
Portomarin Beerfest 2023
30 Apr 2024

Portomarín volve a brindar con cervexa coa nova edición da Portomarín Beerfest. Un evento que inclúe a mellor selección de cervexas internacionais e nacionais e a presenza dos grandes mestres. A cita regresa á Praza do Camiño os días 3, 4 e 5 de maio e volve a mesturar a mellor gastronomía, música e ambiente para gozar da feira. Grecia e Inglaterra, así como tamén dende Andalucía, Asturias e Cataluña serán algúns dos lugares representados no encontro.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera felicitou á organización, á que a institución provincial achega unha aportación económica de 2.500 euros por impulsar esta iniciativa que naceu para converterse no que é hoxe xa, un festival referente en Galicia arredor da cervexa artesanal, que reunirá a máis de 11 firmas de fábricas de toda Galicia, pero tamén do resto de España e de países como Inglaterra e Grecia.

“Este tipo de eventos, que teñen cada vez unha maior demanda, son un gran aliciente económico para a nosa provincia, ao mesmo tempo que enriquecen e diversifican a nosa oferta cultural e turística”. Así mesmo, durante estes días pasarán polo centro de Portomarín máis de 2.000 persoas, “o que supón unha grande proxección para a localidade máis aló do Camiño de Santiago, pois a este tipo de festivais asisten amigos e familias que aproveitan para vir a pasar a fin de semana á provincia”.

Polo que, o BeerFest “encaixa perfectamente co modelo de turismo sostible, de calidade e ligado ás experiencias que promovemos dende a Deputación de Lugo”. O deputado animou a todos os veciños e veciñas da provincia a aproveitar esta fin de semana, coincidindo co festivo do Primeiro de Maio a achegarse a Portomarín, “para desfrutar de dous días de festa e de encontros, onde tamén terán a oportunidade de descubrir moitas curiosidades sobre a cervexa artesanal e a rica cultura que a rodea”.

11 tipos de cervexas de todo o mundo

Nesta terceira edición, contarase con 11 fábricas de cervexas, o que dará a posibilidade de que os asistentes poidan catar sabores diferentes de todo o mundo. Ofrecerase produto de marcas grandes e moi prestixiosas a nivel nacional, das que moitas das súas cervexas son consideradas como produtos delicatessen. Un dos obxectivos da festa tamén é que a sociedade poida descubrir novas cervexas que non é doado atopar nos comercios convencionais.

Entre as marcas de cervexa que estarán representadas esta fin de semana están Seven Island (Grecia), Verdant (Reino Unido), Beak (Inglaterra), Alealé (Galicia), Attik (Málaga), Caleya (Asturias), Espiga e Garage (Barcelona), Pyrene (Huesca), Rec Brew( Barcelona), Sanfrutos (Segovia). O evento desenvolverase nunha carpa situada na Praza do Camiño, no centro da localidade de Portomarín.

Contarase, ademais dos postos coas billas de cervexa, con postos de comida, e actividades para os máis pequenos da casa. Tamén haberá catas de whisky e actuacións musicais con grupos locais e da provincia creando un espazo moi interesante en torno a cervexa. Entre as catas confirmadas, encóntrase a impartida por Juan Pablo Ferreiros o sábado 4. Trátase dunha degustación de cervexa de fermentación mixta para descubrir cervexas deste estilo centenario que se elabora tamén en Galicia , concretamente na Fonsagrada.  Ademais, polo momento están confirmados os DJs Mas Music DJs, Santi Mille, Mateo Comunero, Juanosns e Guilherme Zapata.

0.04524302482605