Posponse a proba pendente para elixir a dirección da Banda Municipal de Lugo
O Concello de Lugo vén de anunciar que se retrasa a data da última proba do proceso selectivo para elixir á dirección da Banda Municipal, prevista para o vindeiro sábado día 20, debido ás restricións sanitarias vixentes. As integrantes do tribunal acordaron tomar esta medida en vista do informe de Prevención, que desaconsella a celebración da proba.
Unha vez se actualicen as restricións sanitarias, escollerán unha nova data, que será publicada "á maior brevidade posible".
O proceso selectivo consistiu en dúas probas, teórica e práctica, esta última dividida en tres exercicios: instrumentación dunha obra, análise dunha partitura e dirección dun ensaio da Banda Municipal, ademais da interpretación das obras escollidas polo tribunal. Actualmente o proceso ten realizadas xa a proba teórica e os dous primeiros exercicios da proba práctica, quedando agora pendente da situación sanitaria a execución do terceiro exercicio, que poñerá fin ao proceso.