"Precisamos nenos e nenas que queiran xogar ao béisbol"
O Lume Béisbol Club leva dende 1975 ensinando este deporte na cidade de Lugo, falamos con Jesús Pedreira, antigo xogador e actual presidente da entidade.
Cando comeza a historia do Lume Béisbol Club?
O Lume Béisbol Club nace no ano 1975, nesas datas, entre o ano 1975 e o 1980 había en Lugo catro clubs de béisbol e cada club tiña representación en todas as categorías. Naquel momento eramos a terceira cidade despois de Madrid e Barcelona con máis fichas de España. Por aquela época xogabamos nas pistas da Cidade Cultural e xogamos alí durante moito tempo ata que os atletas reclamaron a súa pista e nós tivemos que marchar. A partir de aí estivemos unha época na que non dispoñiamos de campo ata que nos cederon o campo de fútbol de Nadela. Nese momento foi cando se perdeu unha gran parte de afección.
Canta xente forma parte actualmente do club?
Na actualidade hai unhas oito ou nove persoas, que somos antigos xogadores, os que formamos parte do funcionamento do club. Uns fan os labores de adestradores, presidente, secretario, e entre todos traballamos para levar o club cara adiante. O que non pode un día vai outro e ímonos aquendando.
En que categorías están a competir?
Actualmente contamos con categorías alevíns, infantís e cadetes e como somos o único club que existe na actualidade na cidade de Lugo de béisbol competimos a nivel galego. O ano pasado tivemos dous colexios e fixemos unha pequena competición entre as categorías dos colexios, pero a día de hoxe competimos a nivel galego.
Onde realizan os adestramentos?
Adestramos en diferentes sitios dependendo do día. Os venres pola tarde no Rosalía de Castro, os sábados pola mañá si fai bo tempo imos ao campo e senón no Luís Pimentel, e o sábado pola tarde adestramos con outra categoría tamén no Rosalía de Castro.
Que necesidades teñen na actualidade?
A nosa principal necesidade é contar con máis nenos e nenas que queiran xogar, porque dun ano para outro cambian de deporte. Nós traballamos ano a ano, ofrecendo clinics nos colexios e tamén como actividade extraescolar, e non todos os anos sae da mesma maneira. Na actualidade só estamos no colexio de Rosalía de Castro e contamos tamén con todos os nenos e nenas que nos van quedando de anos anteriores. Temos algo máis de trinta fichas e o que precisamos son pequenos e pequenas que aporten continuidade a este proxecto.
Seguen aceptando nenos e nenas a estas alturas da tempada?
Si, por suposto, seguimos aceptando nenos e nenas. Estamos cos adestramentos pero aínda non comezaron as competicións oficiais, estamos esperando os calendarios da Copa e da Liga onde participaremos coas tres categorías e de momento todos os que estean interesados poden vir a anotarse e están a tempo de xogar. Unha vez que comeza a competición as inscricións seguen abertas e aínda que non poderían participar na competición oficial si que poden vir a adestrar e participar de diferentes partidos organizados por outros clubs. Sempre estamos abertos a calquera neno ou nena, xa que xogamos mixto, que lle apeteza comezar neste deporte.
Como nace a súa relación co béisbol?
Aquí en Lugo o béisbol ten unha raíz longa, sobre o ano 1966 Ricardo Coira, que chegou a ser seleccionador nacional de béisbol, en colaboración cun ex xogador formaron un equipo de béisbol e comezaron a disputar partidos no instituto.
Despois o meu irmán maior comezou a xogar no Helios, que foi o primeiro equipo que xurdiu aquí federado e despois del fomos os irmáns pequenos. O Helios desapareceu durante un período e eu comecei a xogar no Lume e xa me quedei neste club.
Que é o que máis lle gusta do béisbol?
Para min é un deporte espectacular, un deporte moi bonito. É moi individual pero ao mesmo tempo é necesaria a colectividade e onde apenas hai contacto físico. Ademais, non precisa dunha preparación física espectacular, cada posto ten a súa particularidade, eu de feito practiqueino ata os 52 anos. Este deporte require moita visión de xogo, é moi intelixente, pode non resultar atractivo polas normas que ten, xa que non se asemella a outro deporte, pero en canto se comprenden un pouco as regras é un deporte moi bonito e vistoso.
Que obxectivos teñen a medio e longo prazo?
Manter vivo o béisbol, agora é máis difícil porque xa no hai competición interescolar como había antes e ademais para os máis pequenos non existe un referente a nivel de televisión ou de noticias, entón os rapaces desvincúlanse con facilidade porque outros deportes e os amigos tiran moito a estas idades.
Cales son as maiores dificultades para un deporte minoritario?
Na actualidade algunhas subvencións van ligadas á cantidade de fichas que teña cada club, polo tanto nós, que somos un deporte minoritario e non temos moitas fichas, pois as subvencións son pequenas. Antes era unha actividade gratuíta pero dun tempo a esta parte temos que cobrar, unha cantidade mínima, para poder mercar os uniformes ou as bolas, que se gastan moito. A parte económica é quizais a que máis nos está contando, por iso o principal e ter nenos e nenas.