Preguntan a Educación polo reparto de máscaras no colexio de Becerreá
O PSdeG rexistrou no Parlamento varias iniciativas para coñecer a postura da Consellería de Educación sobre o reparto de material para a prevención da covid-19 con simboloxía de Galicia Sempre, o partido do grupo de goberno local, que se realizou no CEIP San Xoán de Becerreá.
Logo da denuncia pública feita pola voceira do PSOE no Concello de Becerreá, Isabel Rubinos, os socialistas diríxense agora á Cámara autonómica para saber se a Consellería de Cultura, Educación e Universidade "ten coñecemento do reparto deste material por parte do profesorado". Desde o PSOE pregúntanlle ademais á Consellería se consideran "aceptable" o acontecido e se teñen pensado adoptar "algunha medida" con respecto "ás persoas responsables".
REPARTO POLÉMICO
O reparto de material para a prevención da covid-19 no colexio de Becerreá abriu a polémica no municipio. A voceira socialista, Isabel Rubinos, denunciaba que o material entregado no centro polo alcalde, Manuel Martínez, tiña o logotipo de Galicia Sempre. En concreto entregábanse máscaras e frascos de xel hidroalcohólico.
Isabel Rubino definía a situación como "un auténtico escándalo e unha actitude inaceptable por parte do alcalde de Becerreá e de todo o seu goberno". Ao seu entender, trátase dun xeito de actuar "caciquil" que "amosa a cara máis sectaria do goberno de Manuel Martínez, que busca adoctrinar aos máis novos do municipio".
"Se o Concello de Becerreá ten que aportar material aos alumnos, que o faga. Estamos dacordo. Pero non podemos consentir nin compartir que se reparta este material coa simboloxía dun partido político, porque os impostos pagámolos todos", concluía.