Premios para os queixos e o mel da provincia

TerraChaXa | LugoXa | AMariñaXa
Os queixos elaborados na provincia leváronse sete das once medallas. Tamén houbo medalla para meles da zona da Mariña.
queixos e meles premiados cata xunta
18 Dec 2021

Os queixos elaborados na provincia leváronse sete das once medallas. Tamén houbo medalla para meles da zona da Mariña.

Este venres tivo lugar a entrega dos premios da XXIV Cata dos Queixos e da XX Cata dos Meles de Galicia. Alí, os produtos foro distinguidos como exemplo de Galicia etiqueta Calidade, en alusión á nova campaña para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro que se deu a coñecer onte mesmo, tamén no marco da I Mostra de Calidade Alimentaria que se clausurará esta tarde no Pazo de Quián, no concello coruñés de Boqueixón. 

As Catas dos Queixos e dos Meles 2021 están organizadas pola Xunta en colaboración cos diferentes consellos reguladores da indicación xeográfica protexida Mel de Galicia e das catro denominacións queixeiras de Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro. Cómpre lembrar que nesta edición do certame se presentaron 51 mostras de 30 queixerías e outros 43 rexistros de 25 industrias de mel galego.

Os queixos elaborados na provincia leváronse sete das once medallas. As queixerías lucenses premiadas coa medalla de ouro foron Diqueixa, de Monterroso, na D.O: Arzúa-Ulloa; Fontelas de Vilalba, de San Simón da Costa, e Castelo, de Pedrafita, na D.O. Cebreiro.

Tamén obtiveron o ouro a queixería Artelac de Antas de Ulla, como mellor queixo curado da Arzúa-Ulloa, e Santo André de Castroverde, como mellor curado da D.O. Cebreiro.

O vilalbés Don Crisanto volve recibir premio, nesta ocasión a medalla de prata dentro da D.O. Tetilla.

A clasificación da XX Cata das Meles estableceuse en tres categorías, Multiflorais, Monoflorais e de Bosque.
Na primeira, a medalla de bronce foi para O Trobo, Mel do Valadouro e en Monoflorais impúxose O Poder das Flores, de Alfoz.

Na súa intervención, o titular de Medio Rural sinalou que o mel é o acompañante perfecto do queixo, dous alimentos tan senlleiros como saborosos, que merecen -dixo- un recoñecemento polo traballo realizado a prol da diferenciación, da singularidade e da calidade. Felicitando aos gañadores e gañadoras polo seu saber facer e pola súa profesionalidade, José González agradeceulles ao tempo o seu labor de dinamización no rural. Un labor que -apuntou- a Xunta está a apoiar e impulsar a través de estratexias sectoriais como a do lácteo e de normativas como a Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que permitirá dotar a todo aquel que o demande de terra produtiva potenciando a remuda xeracional.

Nesa liña, o conselleiro referiuse tamén á Lei de calidade alimentaria, que entrará no Parlamento o vindeiro ano e que será -aseverou- a panca na que se asentará a produción de proximidade, sa, sostible e de calidade que sempre distinguiu a Galicia no ámbito gastronómico. Por último, José González convidou aos asistentes a visitar a “gastroneta” da Axencia Galega da Calidade Alimentaria emprazada na Mostra, cunha representación de diversos produtos da despensa da nosa comunidade.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.041369915008545