Preparan a terceira edición do Mercado de Oficios do Corgo
A Asociación os Cinco Ríos do Corgo, coa colaboración do Concello, prepara a terceira edición do Mercado de Oficios do Corgo. A cita terá lugar no municipio os días 24 e 25 de agosto. Os artesáns interesados en participar poden anotarse nos teléfonos 636 584 282 e no 686 65 657. Haberá exposición de maquinaria nova e usada, de artesanía e mercadillo e rastro de cousas usadas.
O programa comeza o sábado ás 10.00 coa apertura da feira, na que haberá cortadores de xamón. Ás 12.00 horas terá lugar a primeira concentración moteira do Corgo con pinchos de balde para todos os participantes. Posteriormente, os asistentes poderán gozar dunha sesión vermú a partir das 13.00 horas e de sesión de tarde co dúo Cerbatana de 17.00 a 20.00 horas. O domingo é a quenda da II exposición de coches clásicos, tamén haberá tallador de madeira e degustación de cordeiro á grella.
ás 12.00 horas Roberto Bande Ramudo, decano da facultade de ADE de Lugo, orixinario do Corgo, dará o pregón. Seguiralla a actuación do grupo Legua Dereita. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, actuará a charanga Alambique. Os máis cativos tamén van ter o seu oco no programa, xa que haberá monitores de animación para os máis pequenos con inchables, xogos e pintacaras. A partir das 17.00 horas terá lugar o sorteo dunha noite nun parador galego con cea para dúas persoas doado por Café Andaina. Ademais deste mercado, Os Cinco Ríos continúa co mercadiño e rastro de cousas usadas que celebran o último sábado de cada mes xunto á cámara agraria.