A Carreira Popular Lugo Monumental reunirá arredor de 1.200 deportistas cun plan especial de tráfico

LugoXa
A proba adianta unha hora a súa saída para reducir o impacto dos cortes coincidindo co partido Breogán-Bilbao no Pazo
Carreira-Popular-Lugo-Monumental
16 Dec 2025

O Concello de Lugo activará un dispositivo especial de tráfico este domingo 21 de decembro con motivo da celebración da XXII Carreira Popular Lugo Monumental 2025, unha cita deportiva que contará cunha participación aproximada de 1.200 atletas e que obrigará a realizar cortes e restricións en distintas rúas da cidade para garantir a seguridade das persoas participantes e da organización.

O concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Alexandre Penas, explicou que as probas comezarán ás 10:00 horas, cunha ocupación progresiva das vías desde as 9:00 horas. A saída e a meta estarán situadas na Avenida Ramón Ferreiro, á altura da Praza da Horta do Seminario, e o percorrido discorrerá por distintos puntos da cidade, afectando a vías como a Avenida Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Rúa Puro Cora, Praza de Avilés, Avenida Rodríguez Mourelo e outras rúas do centro histórico.

As inscricións para esta vixésimo segunda edición da carreira popular Lugo Monumental Gran Premio CaixaBank pecháronse con preto de 1.200 deportistas, consolidando a tendencia ascendente de participación do pasado ano. Nesta ocasión, a área de Deportes decidiu adiantar unha hora o horario habitual da proba para minimizar as afeccións ao tráfico coincidentes co desprazamento de afeccionados ao partido que o Breogán disputará contra o Surne Bilbao no Pazo dos Deportes a partir das 12:00 horas. O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, destacou que “un ano máis volvemos acadar unha moi alta participación, cunha carreira que nesta edición será aínda máis especial ao coincidir co 25 aniversario da Muralla como patrimonio mundial”.

A xornada incluirá un total de 17 categorías. As sete probas das categorías inferiores disputaranse sobre distancias comprendidas entre os 200 e os 1.800 metros, sendo a carreira de pitufos a primeira en tomar a saída ás 10:00 horas. Media hora despois comezará a proba principal de 10 quilómetros para adultos.

Desde as 9:00 horas do domingo permanecerán cortadas ao tráfico a Avenida Ramón Ferreiro, Rúa Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Rúa Recatelo, Rúa Avelino Pousa Antelo, Rúa Puro Cora, Praza de Avilés, Avenida Rodríguez Mourelo, Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, Travesía Dean Fernández Varela, Rúa dos Clérigos, Rúa do Bispo Aguirre e Rúa Vilalba. A reapertura ao tráfico na contorna da Ronda da Muralla está prevista ás 11:15 horas, mentres que as rúas Clérigos, Bispo Aguirre, Praza de Avilés, así como as avenidas Rodríguez Mourelo e Ramón Ferreiro, permanecerán pechadas ata as 12:30 horas ou ata a chegada do último corredor.

O percorrido contará con treitos de coexistencia entre vehículos e atletas en puntos como a Ronda da Muralla, entre San Roque e Montero Ríos, e na Rúa Puro Cora e Praza de Avilés, onde se habilitarán carrís diferenciados mediante conos e a Policía Local poderá regular o tráfico de forma puntual, especialmente nos primeiros minutos da carreira absoluta.

Todo o circuíto estará debidamente valado e sinalizado, e a veciñanza será informada a través de carteis informativos. Policía Local, Protección Civil e persoal da organización traballarán de forma coordinada durante toda a mañá.

A recollida de dorsais realizarase en Ndorfina Sports os días 18, 19 e 20 de decembro en horario comercial. De maneira excepcional, o domingo 21 poderán recoller o dorsal as persoas inscritas de fóra da cidade entre as 8:30 e as 9:30 horas na carpa da organización, existindo tamén a opción de recollida en tendas colaboradoras.

⚙ Configurar cookies
0.07584810256958