Preparan actividades especiais no cemiterio municipal de Lugo polo 1 de novembro

LugoXa
Concertos, ofrendas florais e un autobús especial acompañarán a celebración da festividade ao longo de varios días
actividades-cemiterio-municipal-Lugo-25
28 Oct 2025

O Cemiterio Municipal de Lugo acollerá diversas actividades con motivo do 1 de novembro. Cristina López, concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, destacou que os actos se estenderán ao longo de todo o mes, “achegando un ano máis unha serie de actividades diversas coas que agardamos que toda a veciñanza se achegue ao cemiterio”.

Na xornada do 1 de novembro repetirase a iniciativa Concerto Infinito, na que distintos grupos da Asociación Músico Crisanto interpretarán música ao longo de todo o cemiterio, logrando unha sonorización completa das instalacións. Os concertos celebraranse pola mañá, de 11:30 a 14:30, e pola tarde, de 16:00 a 18:00 horas. O día 2 terá lugar a tradicional ofrenda floral da Corporación Municipal a todos os defuntos do Cemiterio Municipal, a partir das 12:30.

O recinto do cemiterio de San Froilán permanecerá aberto ao público de maneira ininterrompida de 9:30 a 19:00 horas os días 28, 29, 30 e 31 de outubro coa preparación da festividade, e tamén o 1 e 2 de novembro. As veciñas e veciños poderán mercar flores no Mercado das Flores, que se instalará no soto da Praza de Abastos os días 29, 30 e 31 de outubro entre as 8:00 e as 19:30. O venres 31 pola mañá celebrarase o mercado tradicional e pola tarde o Mercado das Flores ata as 19:30.

Ademais, habilitarase un autobús especial con parada en Obras Públicas, que continuará pola Ronda da Muralla, rúa Santiago e Volta da Viña, chegando ao cemiterio tras pasar pola Estrada Vella de Santiago. No regreso ao centro da cidade, a ruta atravesará a Estrada Vella de Santiago, rúa Santiago e Ronda da Muralla, finalizando en Obras Públicas.

O servizo funcionará cunha frecuencia de 30 minutos e as chegadas ao cemiterio están programadas ás 13:30 e 13:45. Estará dispoñible durante as horas punta no cemiterio, os días 31 de outubro de 15:00 a 19:00 e 1 de novembro de 10:00 a 19:00.

⚙ Configurar cookies
0.071207046508789