Preparan un plan de tráfico polas obras de renovación do colector da rúa Chantada

A Concellería de Infraestruturas Urbanas do Concello de Lugo vén de elaborar o plan de tráfico para as obras de renovación do colector de saneamento da rúa Chantada, no tramo comprendido entre o número 40 e a rúa Xermán Alonso.
Debido á natureza destes traballos, será necesario ocupar a beirarrúa, as prazas de estacionamento e parte do carril de circulación existente, polo que se cortará o tránsito de vehículos neste treito, xa que o ancho da calzada non permite compatibilizar o paso de coches coa execución das obras.
O acceso e saída aos residentes da rúa Chantada que non se vexan afectados polos traballos facilitarase a través da Praza Bispo Odoario en dobre sentido de circulación.
En canto aos garaxes, manteranse os accesos o maior tempo posible, salvo en casos nos que a tipoloxía dos traballos requira ocupación puntual das entradas ou saídas, como na execución de pavimentos.
Nestes supostos, a empresa responsable indicará con antelación, mediante carteis e sinais regulamentarios, as datas nas que non se poderá acceder aos garaxes ou aos edificios atendidos por estes.