Prepárase o dispositivo de seguridade da proba ciclista O Gran Camiño
A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, presidiu este xoves a xunta de seguridade para a preparación do dispositivo de seguridade con motivo do paso pola provincia da proba ciclista O Gran Camiño. Participaron da xuntanza, ademais dos organizadores, representantes da Garda Civil, da Xefatura Provincial de Tráfico, da Federación Lucense de AVPC, do Consorcio de Bombeiros de Chantada, así como dos concellos polos que pasa a carreira e as súas Policías locais.
O Camiño de Lugo, a segunda etapa da competición entre Taboada e Chantada, celebrarase o 23 de febreiro, pasando concretamente polos concellos de Monterroso, Palas, de Rei, Guntín, Portomarín, Paradela, Taboada, O Saviñao e Chantada. Isabel Rodríguez pediu aos cidadáns que se informen de horarios e itinerarios da proba, así como das posibles alternativas. Tamén fixo un chamamento a todo o público que se congregará para presenciar o paso dos ciclistas pola provincia co fin de que respecten a sinalización e atendan ás indicacións da organización e do dispositivo de seguridade da proba.
Na segunda etapa de O Gran Camiño ao seu paso por Lugo os ciclistas percorrerán un total de 151,20 quilómetros, pasando polas estradas LU-212, N-547, LU-633, LU-P-4201, LU-P-4205, LU-P-5818, LU-P-4202, LU-611, LU-P-1804, LU-P-1801, LU-533, LU-P-1807, LU-P-1805, LU-P-1002, LU-213, N-540 e LU-617. O trazado inicia en San Martiño de Couto e algúns dos puntos máis duros a nivel deportivo polos que pasará son o Alto de Paradela, o Alto de Sonan ou o Alto de San Pedro de Líncora, cunha pendente media que ronda o 6 % e cun desnivel que vai desde os 129 aos 321 metros.