Presentación do novo servicio de limpeza, EcoLugo

LugoXa
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentou hoxe EcoLugo
EcoLugo
2 Ago 2022

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, presentou hoxe EcoLugo, o novo servizo de recollida de residuos urbanos, da limpeza viaria e da xestión do Punto Limpo, que comeza a andar baixo o lema ‘LuceLugo’, e que suporá “un fito para o municipio xa que situará á cidade á vangarda como un referente en limpeza, pero tamén en parámetros sociais e de sostibilidade, modelo de municipio que deseñamos no mandato pasado e que estamos a desenvolver”.

“Onte, día 1, comezamos un traballo que se traducirá, cando o servizo estea 100% operativo xa que comezará a incorporar todas as prestacións de maneira progresiva, nun antes e un despois da imaxe da cidade”, apuntou a rexedora, “tras a renovación dun contrato que adxudicamos por un período de 10 anos sen prórroga, e dicir, ata o 2032, e que conlevará un gasto anual de 11,7 millóns de euros, que case duplica o custe actual, o que da conta da necesidade de repensar a limpeza e xestión de residuos xa que o anterior servizo data de 1996”.

Méndez estivo acompañada na presentación por parte do persoal de EcoLugo, que subrogou a totalidade da plantilla da anterior concesionaria, e que agora irá incorporando novos traballadores e traballadores, ata acadar unha plantilla de 180 persoas partindo dos 133 actuais, o que suporá un incremento dun 35,3%.

Así mesmo, expúxose parte da nova maquinaria do servizo, “que se renovará na súa totalidade, así como toda a flota de vehículos; falamos de 102 novas máquinas e equipos auxiliares de limpeza, e de 29 de recollida de lixo”, comentou a rexedora, que aclarou que “serán todos vehículos eléctricos, híbridos ou a GNC, e contarán cos máis innovadores sistemas de aforro de combustible, de redución do impacto sonoro, da baixa emisión de gases de efecto invernadoiro e diminución da pegada de carbono, e contarán con sistemas informatizados de seguimento de consumos e ubicación dos que poder obter información para a mellora continua dos servizos”.

“Como sabedes -dixo Lara Méndez- é un servizo moi ambicioso en medios e nos parámetros ambientais impostos porque non só ofreceremos un servizo de gran calidade á veciñanza, tamén buscamos que o seu labor cause o menor impacto medioambiental e evite molestias aos cidadáns”.

A maquinaria irá chegando de maneira progresiva durante os vindeiros meses, e mentres isto se produce a empresa adxudicataria contará cos actuais medios e reforzará con medios propios ou alugados aqueles servizos que así o precisen.

Tamén se irán renovando na súa totalidade a partir do mes de outubro os colectores e incorporando novos, ata un total de 4.031. O obxectivo do concello é homoxeneizar a súa imaxe, minorando o impacto visual, mellorar a seguridade e accesibilidade dos usuarios e. aumentar a capacidade de recollida para evitar que se produzan situacións de desborde. Así, aumentarase a capacidade nun 100 % na fracción orgánica, que se implantará este ano, un 78% os envases, un 42,3% a fracción resto e un 28,6% o papel cartón.

“A xestión do sistema estará controlada e optimizada a través das novas tecnoloxías seguindo as pautas que fixamos co Smart City, pero tamén con outras ferramentas que permitirán mellorar a separación de orixe para elevar as porcentaxes de reciclado e fomentar a compostaxe na zona rural e a instalacións de composteiros comunitarios na zona urbana”, apuntou Méndez.

Tamén tras o verán actuarase nas illas dos colectores soterrados que existen na cidade, readaptándoos e homoxeneizando os buzóns.

 

Tarefas diarias de limpeza

En canto a tarefa de limpeza diaria, desenvolveranse quince operacións diarias de barrido, baldeo e desbroces entre outras precisas para a consecución da mellor limpeza posible dos espazos públicos, beirarrúas, calzadas e zonas peonís, incluídas as manchas no pavimento, as follas ou froitos do arboledo, os residuos voluminosos, así como os excrementos de animais e as herbas que proliferan nos bordos, beirarrúas e escaleiras, ademais das pintadas.

Ademais, incidiu a rexedora, realizaranse labores de limpeza intensivas por barrios e atendendo as áreas de alta densidade residencial, industrial, comercial, hostaleira e universitaria, a actividade turística, así como as zonas históricas, escolares, deportivas e de ocio.

O concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, explicou que se realizarán supervisións e inspeccións diarias dos traballos “e, cada trimestre, a empresa deberá presentarnos unha auditoría de calidade”.

Para unha maior operatividade, a empresa instalou 4 cuarteliños, dous deles xa operativos e os outros o estarán en breve, desde onde sairán os equipo lixeiros para que os tempos de desprazamento sexan menores. Están instalados en en San Isidro Labrador, Rio Ser, Catasol e rúa Clérigos.

En Clérigos se ubicará, ademais, a Oficina de Atención ao Cidadá e unha Aula Medioambiental de formación permanente, tanto dos empregados do servicio como da cidadanía. O obxectivo, segundo a alcaldesa, é aumentar o contacto coa cidadanía para atender mellor as súas demandas e acadar unha maior implicación da veciñanza no coidado da cidade”.

Os cidadáns dispoñen xa dun teléfono de atención, que é gratuíto (900909671), e xa se está a traballar nunha app gratuíta na que poder facer solicitudes e presentar queixas ou incidencias cando o consideren oportuno.

Desde onte tamén funciona xa en horario ampliado e continuado o Punto Limpo do Ceao, que abre de luns a sábado, de 9 a 21 horas, e nos vindeiros meses comezarán a funcionar os 2 equipos específicos móbiles.

Ademais destas instalacións, a empresa ten alugado unha nave no Ceao de maneira provisional, que será a súa base, mentres constrúe as definitivas nas Gándaras, nunha parcela municipal de 12.000 m2, onde albergará as súas oficinas e maquinaria e tamén onde edificará unha planta de gas para dar servizo os seus vehículos e ao resto dos municipais. Dependencias que pasarán a ser do Concello en canto finalice a adxudicación, polo que se rebaixarán as contías dos futuros contratos e aumentará o patrimonio municipal.

Estas instalacións contarán cun consumo case nulo de enerxía, seguindo o modelo de cidade de Lugo.

 

Recollida de lixo

A empresa adxudicataria deberá efectuar a recollida selectiva de residuos domésticos e comerciais xerados dentro do termo municipal, así como o transporte até a Estación de Transferencia correspondente ou recuperador autorizado.

O servizo contempla a totalidade dos residuos, agás os xerados por industrias ou talleres non asimilables a domésticos; os tóxicos, nocivos ou perigosos e vehículos abandonados.

Son os seguintes:

  • Fracción resto de residuos.
  • Fracción orgánica (colector marrón)
  • Envases.
  • Residuos no casco histórico, cuha contenerización específica.
  • Residuos en mercados municipais, ambulantes e mercadillos.
  • Residuos voluminosos (mobles e aveños domésticos).
  • Residuos de aparellos eléctricos e electrónicos
  • Cadáveres de animais domésticos que aparezan na vía pública.
  • Residuos procedentes dos servizos de limpeza urbana.
  • Cascallos procedentes de obras menores domiciliarias.
  • Residuos biodegradables de orixe domiciliaria (podas de xardíns, céspede, etc).
  • Fracción de envases lixeiros, con colector e porta a porta.
  • Papel cartón, con colector e porta a porta nos comercios.
  • Vixilancia e xestión do punto limpo municipal e xestión dun punto limpo móbil.
  • Residuos en feiras, festas e eventos.
  • Pilas.
  • Textil
  • Aceites domésticos
  • Proxecto de compostaxe individual  e comunitaria.

Entre as novidades, destaca a implantación da recollida da fracción orgánica, que se fará de luns a sábado, que busca reducir a xeración de residuos nun 20% e que se recicle o 50% do total de residuos. Para iso, a adxudicataria proporán dous servizos diferentes, unha recollida segregada dos residuos biodegradables de sresto alimenticios e de cociña na zona urbana da cidade, e outro de tratamento domiciliario de biorresiduos na zona rural do termo municipal.

O ámbito proposto no proxecto será discrecional para os licitadores, pero deberá contemplar á súa vez a recollida e xestión de 400 cubos marróns destinados á recollida de fracción orgánica en grandes produtores. Estas actuacións complementaranse coa instalación e xestión de 1.114 composteros individuais e  30 composteros comunitarios.

0.14082884788513