Presentada a Cabalgata de Reis de Lugo de 2025, que levará por título 'Nómadas'

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a concelleira de Cultura, Maite Ferreiro, presentaron os detalles da esperada Cabalgata de Reis do ano 2025. Esta edición leva por título 'Nómadas' e partirá do parque da Milagrosa ás 18.00 horas do 5 de xaneiro, prevendo a súa chegada á praza Maior ao redor das 19.30 horas.
O desfile, unha das actividades máis multitudinarias xunto co San Froilán, atraerá entre 40 e 50 mil persoas, segundo os datos recollidos na edición anterior.
O percorrido definitivo, que inclúe o paso pola porta de San Fernando cara ao centro da cidade, será anunciado nos próximos días unha vez se valore o estado das obras de peonalización do centro urbano.
Segundo Arroxo, a temática 'Nómadas' está inspirada nas viaxes das maxestades e en figuras, reais ou de ficción, que fixeron da viaxe o seu estilo de vida. Isto inclúe grandes viaxes da historia e da literatura, así como expedicións, caravanas e nómadas actuais e históricos, co obxectivo de fomentar a ilusión polo descubrimento e o intercambio cultural.
A cabalgata contará con catro carrozas, dedicándose tres aos Reis Magos e unha aos agasallos, todas elas inspiradas en distintos lugares do mundo e incluso do espazo exterior.
Ademais, o evento incluirá 14 espectáculos con preto de 80 actrices, actores e músicos que animarán o percorrido con submarinos, caravanas circenses, zepelíns, e sorprendente música variada. Durante o desfile, repartiranse 1.500 quilos de caramelos entre todos os asistentes.