Presentada a campaña '... E Para Comer, Lugo' como escaparate internacional

LugoXa
A iniciativa permitirá difundir a riqueza culinaria a través de 28 produtos, moitos deles con Indicación Xeográfica Protexida e Denominación de Orixe, que serán repartidos durante a Volta Ciclista a España
presentacion-campana-e-para-comer-lugo
1 Aug 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou no acto de presentación da campaña “...E Para Comer Lugo”, no que destacou que accións coma esta serven para poñer en valor “a nosa provincia, gastronomía e turismo” e son un auténtico escaparate internacional da calidade agroalimentaria de Galicia. A titular do Medio Rural, acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte; e polo delegado territorial de Lugo, Javier Arias, concretou que se trata dunha iniciativa vinculada ao paso da Volta Ciclista a España por Galicia e que se pode levar a cabo grazas á colaboración Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería e Turismo de Lugo.

Deste xeito, durante a competición repartiranse un total de 28 produtos representativos de Galicia en xeral e da provincia de Lugo en particular, entre os que destacan aqueles con Indicación Xeográfica Protexida, Denominación de Orixe ou vinculados a Artesanía Alimentaria, como son os queixos, pan, carne amparada polo selo de Ternera Gallega, doces ou mesmo a DO Ribeira Sacra ou o Aceite de Quiroga, entre outros.

Durante a súa intervención, Gómez definiu a campaña como unha “oportunidade única” para dar a coñecer a identidade lucense a través da súa riqueza culinaria, unha das principais fortalezas culturais e económicas da provincia. A conselleira subliñou ademais que esta campaña vai máis alá dun reclamo turístico, pois reflicte a xenerosidade e o orgullo pola calidade dos produtos galegos.

Segundo indicou, iniciativas como esta teñen un impacto directo no desenvolvemento económico do rural, xa que permiten dar visibilidade á riqueza e diversidade de produtos alimentarios galegos nun escaparate internacional como é a Volta Ciclista, seguida por máis de 180 países. Nese sentido, Gómez enxalzou o papel desta competición como ferramenta de promoción da marca Galicia Calidade e do rural galego.

A conselleira tamén quixo agradecer á organización da Volta Ciclista a súa colaboración e apoio loxístico. Este ano, a carreira pasará durante catro xornadas pola Comunidade, o que é unha oportunidade para dar a coñecer, tamén, os produtos locais a ciclistas, patrocinadores, medios especializados de todo o mundo e público en xeral.
Gómez lembrou tamén que Galicia é a terceira comunidade autónoma con máis selos de calidade— un total de 36—, e puxo en valor o labor dos profesionais da restauración, cuxo traballo converte esta campaña nun auténtico símbolo da identidade galega.

⚙ Configurar cookies
0.17762112617493