Presentada a Expodegustación de Galiña de Mos, que se celebra este domingo en San Xiao
A parroquia de San Xiao de Mos acollerá o vindeiro domingo -27 de outubro-- a XIII Expodegustación Galiña de Mos, organizada pola Asociación de Veciños de San Xulián de Mos e Avimós, coa colaboración da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.
A deputada Iria Castro e representantes das entidades organizadoras presentaron a xornada gastronómica, que pon en valor as calidades gastronómicas da carne da galiña de Mos no lugar que dá nome a esta raza autóctona.
O xantar popular, coa carne de galiña de Mos en distintas preparacións, e a exposición de exemplares das criadoras e criadoras desta raza autóctona no concello e na comarca son os principais alicientes dunha xornada na que a contorna do campo da feira de San Xiao de Mos contará tamén con postos artesanía e unha mostra de coches clásicos.
Iria Castro destacou a importancia destes eventos para “recoñecer o traballo das criadoras e criadores que conservan este patrimonio xenético e producen alimentos de calidade no propio territorio” e “promocionar o produto, xerando unha demanda que sosteña a actividade”.
PROGRAMA:
- 11.30 horas. Exposición e Concurso Comarcal da Raza Galiña de Mos. Premios aos mellores exemplares de galiñas
- 13.00 horas. Sesión Vermú
- 14.00 horas. Degustación dos manxares da Galiña de Mos. Xantar popular a 15 euros.
- 15.30 horas. Xogos Populares coa Asociación Cadaval