Presentada a XXVII edición da Feira do Butelo da Fonsagrada

LugoXa
A Deputación de Lugo destina máis de 30.000 euros para a celebración desta feira, que cada ano reúne a miles de persoas e prevé alcanzar este ano unha venda de 20.000 quilos de butelo
Feira-do-Butelo-2025-A-Fonsagrada
19 Feb 2025

A Fonsagrada prepárase para celebrar os días 22 e 23 de febreiro a XXVII edición da Feira do Butelo, unha cita gastronómica de referencia en Galicia, declarada Festa de Interese Turístico no 2018.

O evento comezará o sábado ás 10.00 horas coa apertura da carpa na Praza do Concello, que permanecerá aberta ata as 20:00 horas. Ás 12.00 horas terá lugar a inauguración oficial a cargo das autoridades, que posteriormente realizarán un percorrido polos preto de 70 postos de alimentación e artesanía participantes.

O domingo, a xornada comezará ás 12.00 horas coa entrega do Butelo de Ouro no Salón de Plenos da Casa Consistorial. A continuación, haberá actuacións musicais a cargo do grupo tradicional Illa Pancha ás 13.00 horas e Antaruxas e Sorteiros ás 14.00 horas.

Un evento consolidado co respaldo da Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo destina máis de 30.000 euros para a celebración desta feira, que cada ano reúne a miles de persoas e prevé alcanzar este ano unha venda de 20.000 quilos de butelo, un embutido curado típico da montaña lucense.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, destacou que a Feira do Butelo é “un símbolo de identidade da montaña lucense”, totalmente consolidado no calendario de eventos gastronómicos da provincia. Ademais, subliñou a importancia da gastronomía como motor do desenvolvemento económico e turístico e reafirmou o compromiso da Deputación coa promoción dos produtos locais.

“O butelo é o rei da montaña e representa á perfección a esencia da gastronomía de Lugo”, afirmou Rivera, animando a toda a cidadanía a visitar A Fonsagrada durante a fin de semana para gozar deste produto único e dos atractivos da montaña lucense.

0.14346504211426