Presentada en Fitur a marca Lugo, cidade viva
A alcaldesa, Lara Méndez, presentou hoxe na Feira Internacional de Turismo (FITUR) a marca Lugo, cidade viva, “que define a nosa aposta por un turismo seguro” – afirmou – e ao abeiro da que se artellan as campañas municipais Lugo, km 100 e as Rutas Connexio ao pé do Camiño.
“É fundamental potenciar un turismo acorde co modelo de cidade polo que estamos a apostar, baseado na sustentabilidade, máis amable e próximo ás persoas que pretende seducir e motivar a aqueles visitantes que buscan vivencias e experiencias de calidade, seguras, diferentes e en contornas naturais e de gran riqueza patrimonial”, engadiu a rexedora.
A alcaldesa comezou o seu relato enxalzando os tres Patrimonios da Humanidade: a Muralla Romana, “como sinal de identidade das e dos lucenses, da nosa forma de ser e de vivir e como representación da cultura de Lugo”. A Catedral, lembrando que “foi declarada patrimonio da humanidade desde o ano 2015” e, por suposto, o Camiño Primitivo, “onde actualmente temos proxectos de mellora e actuacións claves para o conxunto da historia, a cultura e o patrimonio lucense”, referiu.
Neste sentido, a rexedora presentou o novo vídeo promocional, Rutas Connexio ao pé do Camiño, “iniciativa derivada dos pioneiros Premios Connexio, que lanzamos o pasado ano, onde 220 artistas de todo o mundo se presentaron coa intención de expoñer en 6 templos elixidos noutras tantas parroquias, tanto no seu interior como no exterior das edificacións”, explicaba Lara Méndez.
Esta primeira edición dos Premios Connexio, posta en marcha conxuntamente polo Concello e o Bispado de Lugo antes da pandemia, tiña como obxectivo ofrecer unha oportunidade ás e aos creadores para interactuar co patrimonio do Camiño Primitivo “e, tralo éxito dos mesmos, naceron as rutas Connexio, que inclúen os itinerarios cara Lugo onde as e os visitantes poderán participar destas reflexións e coñecer as riquezas naturais do noso municipio, o único inmerso na súa totalidade na Reserva da Biosfera Terras do Miño”, sinalou Méndez. “Este impulso da arte vinculada ao Camiño Primitivo continuará en novas edicións dos premios, pero tamén coa creación nos próximos meses do primeiro Coliving Artístico de carácter público de España”, anunciaba a alcaldesa.
Dende hai anos, Lugo atópase inmersa nun cambio de paradigma cara un urbanismo vangardista e sostible que está a ser pioneiro en Europa e, recentemente, o Concello presentaba a futura realización dunhas termas de auga quente ou “caldas” na contorna do río Miño, nas que Méndez recalcou que “reportarán múltiples beneficios á comunidade entre os que se pode destacar o impulso da contorna fluvial, xa que se dota ao Miño dun novo equipamento cun alto valor cultural e por suposto de recreo e que, sen ningunha dúbida, servirá para potenciar a estadía e o perfil de turistas que escollen Lugo como destino das súas vacacións”, apuntou.
A rexedora aproveitou tamén para falar dos máis de 10 quilómetros de cinto verde que percorren a cidade, á beira dos ríos Miño e Rato. Do Parque Rosalía de Castro, que ofrece en pleno centro de Lugo 23 hectáreas de zona verde e, como non, do impulso da cultura a través das dúas festas de interese turístico nacional como San Froilán, “o sinal de identidade da tradición e do talante do lucense”, e o Arde Lucus, “a recreación do noso pasado romano“, ás que se sumou unha nova cita obrigada, o Caudal Fest. “Un festival sostible e coidadoso co medio ambiente natural, ao carón do río Miño e unha aposta vocacional pola diversión, pola esencia da cultura da autenticidade, pola convivencia na natureza e polo respecto”, sostivo Lara Méndez.