Presentada en Lugo a Axenda de Mulleres 2025, unha publicación de referencia na loita pola igualdade

LugoXa
Marisol Morandeira recalcou o compromiso da Deputación de Lugo para impulsar, apoiar e avaliar accións que promovan a igualdade real e efectiva en toda a provincia
Presentación-Axenda-Mulleres-2025
1 Feb 2025

A Axenda de Mulleres 2025, a publicación que a Plataforma Andaluza de Apoio ao Lobby Europeo elabora desde 1998, foi presentada no Pazo de San Marcos de Lugo. O evento contou coa moderación da deputada de Muller e Igualdade, Marisol Morandeira, e a participación de Rafaela Pastor, cofundadora da Plataforma, e Laura Seara, exsecretaria de Estado de Igualdade.

Morandeira cualificou esta axenda como “unha publicación de referencia” e destacou que esta edición é “especialmente significativa” porque conmemora o trixésimo aniversario da IV Conferencia Mundial das Mulleres de Pequín. Neste sentido, lembrou que en 1995 a declaración e plataforma de acción aprobada en Pequín estableceu unha folla de ruta clara para avanzar en 12 áreas críticas, como a violencia contra as mulleres, a saúde, a educación, o medio ambiente ou a erradicación da pobreza.

A deputada subliñou que, para desmontar o patriarcado, seguen sendo necesarios recursos económicos, persoais e formativos. “A igualdade non é só unha cuestión de xustiza, senón tamén de recursos e de compromiso. E aquí, as administracións locais temos un papel fundamental”, afirmou.

Ademais, recalcou o compromiso da Deputación de Lugo para impulsar, apoiar e avaliar accións que promovan a igualdade real e efectiva en toda a provincia. “A loita pola igualdade non é só unha cuestión de mulleres, senón dunha sociedade enteira que debe avanzar cara a un futuro máis xusto e máis libre”, engadiu.

Durante a presentación, Rafaela Pastor e Laura Seara compartiron reflexións, experiencias e visións coas decenas de persoas asistentes, que recibiron un exemplar da axenda. A publicación inclúe un artigo de Marisol Morandeira, así como colaboracións doutras mulleres destacadas no ámbito da política, a universidade e o movemento feminista.

0.15708899497986