Presentada en Lugo a primeira guía micolóxica da provincia
Os autores da Guía micolóxica básica da provincia de Lugo presentaron este xoves este nova publicación no marco dun acto público no Salón de Actos do lugués pazo de San Marcos. A sesión, na que estiveron presentes autoridades académicas e políticas, contou tamén coa participación, como relatora convidada, da doutora Marisa Castro Cerceda. Todas as persoas asistentes a este acto de presentación recibiron como agasallo un exemplar gratuíto da guía.
Persoal docente e investigador na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus de Lugo da USC elaborou xunto coa Sociedade Micolóxica Lucus a primeira guía micolóxica básica da provincia de Lugo. Esta nova publicación, coordinada por Antonio Rigueiro e Julián Alonso, e na que tamén colaboran como autores José Castro Ferreiro e María Cristina García-Echave, pretende ser unha ferramenta de utilidade para todas aquelas persoas interesadas en iniciarse no mundo da macromicoloxía en xeral, e na realidade da provincia de Lugo, en particular.
A nova publicación, que constitúe un dos resultados das actividades desenvolvidas ao abeiro do convenio administrativo entre a Deputación Provincial de Lugo e a USC, comeza cun amplo capítulo dedicado á provincia de Lugo, no que se ofrece unha exhaustiva análise das súas características físicas, climáticas e tamén sobre a súa riqueza en espazos e ecosistemas variados, o que, segundo subliñan os autores desta obra, tradúcese nunha enorme diversidade micolóxica.
A Guía micolóxica básica da provincia de Lugo ofrece asemade un amplo compendio informativo, a través do que afonda en distintos conceptos básicos sobre fungos, identificación, toxicidade e mesmo respecto da súa aptitude para o consumo. Deseguido, na parte inclúense fichas fotográficas con minuciosas descricións de 202 especies, na súa maioría de presenza habitual na provincia de Lugo, pero tamén doutras máis raras, aínda que características dalgúns dos micotopos da provincia de Lugo. As observacións recollidas nestas fichas descritivas inclúen comentarios e alusións a outras 380 especies máis.
A obra, de carácter divulgativo, achega información de xeito claro e comprensible, pero con contidos completos e rigorosos nun formato de guía de campo de fácil manexo. Asemade, completan a publicación un abano de anexos nos que se inclúe un apartado sobre lexislación, unha sinopse bibliográfica e un glosario micolóxico amplo e completo.