Presentado ao tecido asociativo o programa de subvencións de Lugo
A concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo, Cristina López, mantivo esta mañá unha xuntanza coas asociacións veciñais de Lugo para presentar o programa de subvencións de 2022. A edil de Participación estivo acompañada nesta xuntanza polo persoal técnico da área, que resolveu as dúbidas dos representantes do tecido asociativo local.
A área de Participación inviste 45.500 euros nestas subvencións, dirixidas a asociacións veciñais do concello de Lugo. As asociacións poderán presentar proxectos relacionados co asociacionismo, o voluntariado e a participación cidadá, ademais de incluír gastos de mantemento e funcionamento necesarios para a realización das iniciativas.
Cristina López destacou que “esta liña de subvencións permiten que as distintas asociacións veciñais de Lugo poidan manter a súa actividade ao longo do ano”, e engadiu “desde o Goberno de Lugo mantemos o noso compromiso co tecido asociativo local”.