Presentadas as dúas feiras de exaltación de produtos locais de Outeiro de Rei e Cospeito

A Xunta colabora cos concellos de Outeiro de Rei e Cospeito no impulso de dúas feiras gastronómicas de exaltación dos produtos alimentarios locais. O delegado territorial, Javier Arias, participou onte na presentación da iniciativa xunto cos respectivos alcaldes, José Pardo e Armando Castosa.
A primeira cita será o domingo 19 de outubro en Cospeito, que albergará a Feira Brava: sabores do monte, na que se mostrarán as posibilidades gastronómicas da perdiz, o faisán, o corzo ou o xabarín. Tamén terán protagonismo produtos de tempada como os cogomelos e as castañas; xunto con mel ou marmeladas. O evento terá lugar na Feira do Monte dende as 11,00 ata as 19,00 horas.
O sábado 25, no mesmo horario, a praza do Concello de Outeiro de Rei acollerá a feira Sabores da nosa terra, que exhibirá o potencial culinario das carnes de Porco Celta, a Tenreira Galega, os polos campeiros, a ovella galega ou a Galiña de Mos.
Nas dúas citas haberá expositores de venda, degustacións e elaboración de pratos en directo por recoñecidos profesionais da hostalería. Tamén se impartirán charlas sobre cociña de aproveitamento a base de alimentos de proximidade, con receitas variadas.
Guía gastronómica e accións didácticas
Esta iniciativa enmárcase nun proxecto máis amplo promovido conxuntamente por ambos concellos para impulsar as boas prácticas ambientais mediante a utilización sustentable dos produtos culinarios autóctonos. A achega da Xunta é de 39.000 euros.
Outra das accións propostas é a elaboración dunha guía gastronómica que axude ao máximo aproveitamento dos produtos agrogandeiros da zona; así como o acondicionamento dun local situado na Feira do Monte para albergar cursos de cociña e actividades didácticas que fomenten o consumo de alimentos que se producen e comercializan no territorio.