Presentadas as XXXIV Xornadas Penitenciarias Lucenses, centradas nos desafíos da adolescencia

LugoXa
O encontro, organizado pola Asociación Concepción Arenal coa colaboración da UNED Lugo, ofrecerá conferencias e mesas redondas con especialistas
Presentación-das-Xornadas-Penitenciarias-25
24 Oct 2025

Presentouse a nova edición das Xornadas Penitenciarias Lucenses, un encontro de referencia no ámbito da reflexión social e penitenciaria, que este ano estará centrado nos desafíos da adolescencia, a enfermidade mental e os trastornos emocionais.

As xornadas, organizadas pola Asociación Penitenciaria Concepción Arenal coa colaboración da UNED Lugo, desenvolveranse os días 28 e 29 de outubro no Salón de Actos da Deputación e permitirán a participación tanto presencial como en liña, facilitando que persoas de todo o país poidan seguir o seu contido.

As Xornadas Penitenciarias Lucenses están consolidadas como un espazo estable de análise e debate, no que cada ano se abordan cuestións sociais de grande relevancia vinculadas ao sistema penal, á protección de dereitos e á construción dunha cidadanía máis igualitaria e solidaria.

No acto de presentación interviron o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; o alcalde de Lugo e deputado provincial, Miguel Fernández; a presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, Elvira Fernández; e a directora da UNED en Lugo, Ana Traseira.

Durante a presentación, o deputado Rivera Capón subliñou a importancia de avanzar en políticas públicas baseadas na prevención, na educación e na colaboración entre institucións e profesionais para garantir oportunidades reais á mocidade e favorecer unha convivencia máis xusta e inclusiva.

O representante provincial agradeceu o labor da Asociación Concepción Arenal e da UNED Lugo, destacando que este tipo de iniciativas “axudan a abrir ollos, a xerar pensamento crítico e a poñer á sociedade diante dos seus propios retos”. Rivera Capón engadiu: “A adolescencia é territorio de preguntas, de incertezas e de aprendizaxe profunda. Nel conviven identidade e ferida, rebeldía e medo, risco e posibilidade. O modo en que acompañamos ese proceso revela quen somos como sociedade e cal é a nosa idea de xustiza, de educar e de convivir”, e lembrou as palabras de Concepción Arenal, nas que dicía que “a sociedade paga ben caro o abandono no que deixa aos seus fillos”, reflexionando que iso “non é só unha advertencia: é unha responsabilidade. Se nos desentendemos, perdemos todos; se acompañamos, gaña o futuro”.

Pola súa parte, o rexedor lucense sinalou que estas xornadas son todo un exemplo de “evento consolidado na defensa dos dereitos das persoas no ámbito penitenciario e na xustiza social para os colectivos máis vulnerables, algo que constitúe o fin último do traballo da Asociación Concepción Arenal”, ao tempo que puxo en valor a temática escollida para esta edición, porque “porá o foco nunha problemática de gran importancia, de moita actualidade, e que está a xerar moita preocupación, polo que precisa dunha maior implicación de todos os ámbitos sociais e xurídicos, para abordar os retos e obxectivos para avanzar nesa igualdade e nesa xustiza social, claves para a nosa sociedade de dereito”.

Ademais, o alcalde de Lugo referiuse ao traballo da Asociación Concepción Arenal, APCA, como un “referente de compromiso e de implicación” ao que sumou a colaboración dos ponentes nestas xornadas, como maxistradas de xulgados de menores, psicólogos clínicos, avogadas, psicopedagogas, educadoras sociais, psiquiatras e orientadoras educativas, entre outras persoas que participan nesta nova edición”.

Pola súa banda, a presidenta da Asociación Concepción Arenal, Elvira Fernández, sinalou que o obxectivo desta edición é abordar os cambios de conducta na adolescencia desde o ámbito educativo e da saúde mental, para ter unha visión xeralizada, ao tempo que analizamos os recursos dispoñibles”.

PROGRAMACIÓN

O martes, 28 de outubro, a xornada comezará ás 18:00 horas coa presentación de Elvira Paloma Fernández, presidenta da Asociación Penitenciaria Concepción Arenal, seguida da inauguración por parte de José Tomé Roca, presidente da Deputación de Lugo. Durante esta sesión entregarase tamén a medalla Concepción Arenal Lugo, e o relatorio será impartido por Víctor Fraga Gayoso, secretario xeral da Subdelegación do Goberno.

Ás 19:00 horas dará inicio a conferencia sobre “Que hai de novo na saúde mental dos adolescentes?”, a cargo de Ricardo Fandiño Pascual, psicólogo clínico, presidente de ASEIA e profesor da USC. A sesión estará moderada por Pilar García Puertas, avogada e presidenta da Asociación Xustiza e Diversidade, e abordará os avances recentes en materia de saúde mental adolescente.

O mércores, 29 de outubro, a sesión comezará ás 18:30 horas cunha mesa redonda sobre “Contextos de intervención con adolescentes con problemas”. Participarán María Sara Pendás Álvarez, maxistrada do Xulgado de Menores nº1 de Lugo; Loida Ruiz Blanco, directora de CIEMA, psicopedagoga e educadora social; María Jesús Rodríguez Rodríguez, coordinadora do servizo de Protección de Menores de Lugo; Martín Rodríguez Botana, médico psiquiatra do HULA e divulgador; e Alba López, orientadora educativa do Colexio Diocesano San Lorenzo. A moderación correrá a cargo de Ana Traseira Pena, directora da UNED de Lugo.

As xornadas pecharanse coa clausura de Miguel Fernández, alcalde de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.074705839157104