Presentadas en Lugo as XXIII Xornadas de Exaltación da Centola do Grove

GaliciaXa | LugoXa
O evento gastronómico reivindica o produto mariño e busca consolidarse como Festa de Interese Turístico Galego
Festa-Centola-do-Grove-en-Lugo
20 Nov 2025

As XXIII Xornadas de Exaltación da Centola do Grove foron presentadas no Círculo das Artes de Lugo nun acto organizado pola asociación de empresarios do Grove, entidade promotora do evento que se celebrará entre o 27 de novembro e o 8 de decembro.

A iniciativa conta co patrocinio da Consellería do Mar e coa colaboración de Turismo de Galicia, nun esforzo conxunto por reforzar a proxección dos produtos pesqueiros galegos.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou que o Goberno galego traballa para impulsar os produtos do mar de alta calidade, respaldar a pesca artesanal, fortalecer o selo PescadeRías e dinamizar a actividade económica, turística e comercial das vilas costeiras. Subliñou ademais o papel das festas gastronómicas como ferramenta para desestacionalizar o turismo, revitalizar a restauración e o comercio local e reforzar a presenza dos produtos galegos nos mercados.

Arias agradeceu á asociación de empresarios do Grove e ás confrarías participantes que decidisen presentar as xornadas en Lugo, nun edificio que cualificou como símbolo identitario e nunha cidade que exhibe a súa gastronomía como parte esencial do seu reclamo turístico.

O representante autonómico expresou tamén o seu desexo de que esta nova edición resulte un éxito e contribúa a consolidar o obxectivo de obter a distinción de Festa de Interese Turístico Galego, un recoñecemento que, segundo afirmou, reforzaría a proxección dun evento que xa é unha referencia no calendario gastronómico do país.

⚙ Configurar cookies
0.083236932754517