Presentado en Monterroso un cómic que alerta do dano que faría Altri á comarca
Este venres tivo lugar en Monterroso a presentación do cómic Queremos vida. Queremos futuro deseñado por Carlos Vila que estivo acompañado por Brais Vázquez, voceiro de BNG en Monterroso e Olalla Rodil viceportavoz do BNG no Parlamento Galego.
Neste cómic o deseñador destacou “nace da necesidade de dar a coñecer á cidadanía o dano que a macrocelulosa vai facer na comarca da Ulloa, así como a importancia de facer presión social para que esta empresa non veña á Ulloa”.
Olalla Rodil salientou as prioridades que ten Rueda ao querer colocar unha bomba ambiental no corazón do noso País “poñéndolle unha alfombra vermella a Altri e facendo do seu comercial” O PP esta desprezando á poboación que se opón a este proxecto, chegando a falar de minorías ruidosas “desprezando a máis de 20,000 persoas que co seu nome e apelido se opoñen a esta bomba ambiental”.
O goberno do PP quere que a multinacional se instale na Ulloa e fala así de industrialización mentres pon en risco 4.000 empregos e 3.000 explotacións na comarca de Arzúa-Ulloa e outros 4.000 postos de traballo na Ría de Arousa. Os 250 millóns de euros que quere darlle a multinacional deberían ir para apoiar o emprego no rural e no mar, para proxectos empresariais locais e para preservar o territorio. Este é o modelo de País que quere o BNG, máis nunha comarca como a de Arzúa-Ulloa , unha das comarcas máis produtivas de Galiza, con miles de explotacións gandeiras e cunha das Denominacións de Orixe máis produtivas de todo o Estado”, subliñou Rodil para poñer en valor a riqueza dunha comarca onde o sector produtivo “non só é clave para fixar poboación, xerar riqueza e miles de empregos, senón que tamén contribúe a manter un medio rural vivo e a ter un territorio produtivo en lugar de estar abandonado”, rematou Olalla Rodil.