Presentado o Antroido Val de Francos, que contará con degustacións de produtos locais

LugoXa | TerraChaXa
Os sermóns que se declaman antes da queima do Antroido e as máscaras de fareleiros son os elementos máis singulares desta celebración, documentada desde comezos do século XX
presentacion-val-de-francos-entroido
11 Feb 2026

A deputada Iria Castro participou na presentación do programa do Antroido de Val de Francos, que celebran as parroquias de Ansemar, Goberno e Balmonte, no concello de Castro de Rei.

No acto, celebrado no Museo do Castro de Viladonga, cunha ampla representación da veciñanza, a comisión organizadora a programación prevista o martes 17 de marzo no Campo do Carril, que conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Nunha chiscadela a este Antroido tradicional, a responsable de Cultura fixo unha intervención en forma de sermón (en estrofas de catro versos, con rima entre versos impares e pares) na que destacou a tradición desta celebración popular e debullou a programación musical, cultural e lúdica que acompañará a xuizo do Antroido.

Os sermóns que se declaman antes da queima do Antroido e as máscaras de fareleiros son os elementos máis singulares desta celebración, documentada desde comezos do século XX.

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo implicouse nos dous últimos anos en visibilizar o valor patrimonial do Antroido de Val de Francos; o ano pasado, coa dixitalización dun cartel histórico, realizado en 1993 por Xosé Vizoso, e este ano, cunha homenaxe a Xosé Manuel Carballo e Edelmiro Garcia como principais valedores da revistalización do Antroido nos anos noventa.

Ademais de colaborar na programación musical do Antroido, coas actuacións dos grupos de música tradicional Os Valuros e Os cantos da Valura, a Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará na programación con degustacións gratuítas de produtos de Galiña de Mos, Porco Celta e Raza de Vacún Limiá a través do programa de promoción de razas autóctonas Un gusto de rural, un rural degusto.

As persoas asistentes poderán probar carnes destas razas autóctonas subministradas por produtores e produtoras locais: croquetas de Galiña de Mos (produtos de José Luis Freire Castedo, de Suegos, en Pol e de Chousa do Lea, en Castro Ribeiras de Lea), minihamburguesas de carne de vacún de raza limiá (carne de Granxa Taluco, de Loentia, en Castro de Rei), arroz meloso de 3 tomates con costela de Porco Celta e Rock and Roll de boloñesa Celta con crema suave de allo (carne de Porco Celta O Cibrao).

PARTICIPACIÓN DA XUNTA

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, felicitou á agrupación por manter vivo este Entroido, que implica ás parroquias de Ansemar, Balmonte e Goberno. Lembrou que "a lectura do Sermón e a queima do Antroido son os principais atractivos que reúnen cada ano a veciños e visitantes para desfrutar desta celebración, que recupera tamén figuras tradicionais como as Madamas e os Galáns e os Fareleiros".

Arias agradeceu á veciñanza “o seu compromiso para que esta tradición sobreviva ao paso do tempo”, e puxo este Entroido como exemplo de que “a cultura popular é unha ferramenta poderosa para crear convivencia e cohesión social”.

⚙ Configurar cookies
0.08230996131897