Presentado o cartaz da próxima edición do San Froilán
A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presidiu esta mañá a primeira xuntanza da Comisión de Festas na que deu conta dos avances realizados de cara a esta edición do San Froilán, e onde presentou o cartaz escollido polo xurado.
Maite Ferreiro lembrou aos grupos que realicen propostas tanto de grupos como de pregoeira e oferente do San Froilán. A comisión de festas está composta por 8 integrantes, 3 do grupo municipal Socialista, 2 do Popular, 2 do Bloque Nacionalista Galego e 1 en representación de Ciudadanos, ademais do xefe de Servizo de Cultura, que actúa como secretario da Comisión.
Casetas do polbo
Ferreiro presentou na Comisión de Festas os avances realizados para o retorno das casetas do polbo nesta edición do San Froilán. “A relaxación das medidas sanitarias na hostalería en comparación co ano pasado permítenos volver contar de novo coas casetas do polbo no San Froilán”, afirmou Maite Ferreiro.
A edil de Cultura presentou aos grupos unha proposta para sacar adiante o prego de casetas e de caldeiros con distintos prezos, segundo cales sexan as restriccións sanitarias vixentes.
Ferreiro explicou que “o prezo de saída das casetas será o mesmo que no ano 2015, e os caldeiros manterán o prezo de saída do ano 2016”. A edil de Cultura propuxo que ambas instalacións poidan abrir entre o 1 de outubro e o 7 de novembro.
Cartaz do San Froilán 2021
O xurado conformado por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo, Esther Muñoz, directora da Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón e a artista gráfica Begoña Pérez escolleu ao deseñador Rubén Lucas como gañador do concurso de deseño do San Froilán, entre un total de 70 propostas co deseño titulado Círculo. Rubén Lucas recibirá un premio de 2.000 euros pola súa obra.