Presentado o libro Pedras de Lenda que trata a toponimia dos Ancares Lucenses
O pasado sábado na Casa da Cultura de Becerreá tivo lugar a presentación do libro Pedras de Lenda, un volume que pretende salvagardar a toponimia dos Ancares Lucenses e do que se imprimiron 350 exemplares. Así mesmo, nel aparecen identificados 1.250 lugares dos concellos de Becerreá, Cervantes e Navia de Suarna, algo que pon en valor o patrimonio natural, cultural e etnográfico da zona.
Xabier Moure, José Ángel Fernández e Pilar Carpente son os autores do libro e forman parte do colectivo Patrimonio dos Ancares. O seu traballo permite recuperar e poñer en valor a toponimia ligada ás pedras, ás historias, ás lendas, os ritos e ás tradicións que forman parte da memoria desta comarca.
Para a elaboración deste volume os seus autores consultaron documentación procedente do mosteiro de Penamaior, en Becerreá, do desaparecido mosteiro de San Salvador de Cancelada, Cervantes, e da Casa de Altamira, en Navia de Suarna.
Na presentación repartíronse 50 exemplares entre a veciñanza. O vindeiro sábado, 10 de xullo, o libro darase a coñecer na Casa do Concello de Cervantes e o sábado 17, tamén deste mes, na Casa do Concello de Navia de Suarna.