Presentado o novo CEIP Sagrado Corazón, que abre as súas portas neste curso
O CEIP Sagrado Corazón de Lugo incorpora mobiliario de innovación adaptado ao Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica, en concreto, esta infraestrutura conta con capacidade para dar servizo a 450 alumnos, con: 6 aulas de educación infantil, 12 aulas de educación primaria e 4 aulas para apoio educativo e desdobramento de grupos, ademais de aula de música, de informática, e de robótica, biblioteca, ximnasio, comedor, zona de administración, servizos comúns e equipamentos deportivos para o que se contou cun orzamento total de 4,26 millóns de euros.
Así, destacouno o presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha visita ao centro escolar no que avanzou tamén que se está licitando outras 84 actuacións por importe de 40 millóns de euros para executar en 2022, ao tempo que resaltou que a cidade da Muralla alberga, nestes momentos, a zona educativa con máis proxectos de obra previstos neste eido de toda Galicia.
Así, ademais deste novo CEIP, actualmente, están en marcha ou rematadas outras obras por valor de preto de 4 millóns de euros, como: o acondicionamento do pavillón compartido do IES Lucus Augusti e IES Ollos Grandes; a adecuación do ximnasio como talleres para ciclos de perruquería no IES Muralla Romana; a ampliación dos talleres de carpintería do CIFP Politécnico; e o novo edificio para a ampliación de ciclos e hostalería do IES Sanxillao, cuxa obra rematará neste primeiro trimestre do curso. “E para o período 2021-2024 temos previsto investimentos por valor de 3,6 millóns de euros en noutros centros da cidade”, engadiu.
Ao longo da súa intervención, o presidente do Goberno galego subliñou que, ademais de todos os programas e medidas implementados, este curso conta cun protocolo covid coñecido polas familias e os centros desde o 9 de xullo.
Nesta mesa liña, recordou que a pandemia tamén nos deixou unha reflexión sobre os espazos arquitectónicos que precisa o sistema educativo, recollidas no Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica que suporá un investimento de 191 millóns de euros, nesta lexislatura, para adaptar os centros escolares ás novas necesidades educativas, sanitarias e tecnolóxicas.