Presentado o novo tomo da colección 'O San Froilán dos Devanceiros'

LugoXa
O libro 'Viva o San Froilán' recolle imaxes e ilustracións de dezaseis fotógrafos e artistas lucenses que retratan a esencia da gran festa do outono galego
O-San-Froilán-dos-Devanceiros-2025
9 Oct 2025

A área de Cultura do Concello de Lugo presentou o vixésimo segundo tomo da colección O San Froilán dos Devanceiros, unha publicación que cada ano celebra a gran festa do outono galego. Nesta ocasión, o novo volume leva por título Viva o San Froilán: as festas na mirada de fotógrafas, fotógrafos e ilustradores de Lugo, e reúne as imaxes publicadas co proxecto Viva o San Froilán, coordinado por VivaLugo.

O obxectivo principal desta iniciativa é dar visibilidade aos artistas lucenses a través das Festas do San Froilán e, ao mesmo tempo, proxectar as celebracións mediante a mirada creativa destes artistas. Ademais, o proxecto procura crear un arquivo dixital, tanto fotográfico como de ilustracións, con valor histórico para conservar a memoria visual das festas.

Viva o San Froilán celébrase desde o ano 2017, e este novo libro recolle unha coidada selección de imaxes de dezaseis fotógrafos de Lugo: Adra Pallón, Alejandro Real, Bego Pérez, Belén Cordero, Esther López, Iago Eireos, Iván Mouronte, Karte (Andrea Prado), Lois Cid, Lorena Grandío, Marcos López, María Viso, Paula Quiroga, Sabela Eiriz, Sara Temes e Xerardo Quintiá. Tamén se inclúen as ilustracións creadas por Iván Mouronte ao remate de cada edición do San Froilán.

O exemplar pode recollerse de forma gratuíta nas oficinas da área de Cultura. A concelleira Maite Ferreiro destacou que esta colección “repasa a historia da gran festa do outono galego, abordando temas que foron fundamentais ao longo dos anos, como o cine, Barriga Verde, o polbo ou os Pelúdez, iconas do San Froilán para diferentes xeracións”.

⚙ Configurar cookies
0.0712730884552