Presentado o plan de tráfico da XXI Edición da Carreira Popular Lugo Monumental 2024

LugoXa
Penas quixo destacar esta carreira como “unha oportunidade para gozar do deporte e do noso patrimonio”, e solicitou “a colaboración da veciñanza ante as restricións"
Carreira-Lugo-Monumental
19 Dec 2024

Alexandre Penas, edil responsable da área de Infraestruturas Urbanas no Concello de Lugo, anunciou o plan de tráfico que se aplicará o próximo domingo, 22 de decembro, con motivo da celebración da XXI Edición da Carreira Popular Lugo Monumental 2024.

Esta proba deportiva, que reúne corredores de todas as idades, comezará ás 11.00 horas e percorrerá diversas rúas da cidade e Penas explicou que “se procederá ao corte e restrición de tráfico nas zonas afectadas a partir das 10.00 horas do propio domingo”.

As rúas afectadas serán a Avenida Ramón Ferreiro, Rúa Alcalde Anxo López Pérez, Ronda da Muralla, Rúa Recatelo, Rúa Avelino Pousa Antelo, Rúa Puro Cora, Praza de Avilés, Avenida Rodríguez Mourelo, Praza Pío XII, Rúa Bo Xesús, Praza de Santa María, Travesía Dean Fernández Varela, Rúa dos Clérigos, Rúa do Bispo Aguirre e Rúa Vilalba.

O concelleiro tamén aclarou que será necesario “liberar as prazas de estacionamento a partir do sábado 21 de decembro ás 08.00 horas en áreas clave como a Avenida Rodríguez Mourelo, a Praza da Constitución e a Avenida Alcalde Anxo López Pérez”. Estas restricións prolongaranse ata as 20.00 horas do domingo.

En tramos específicos, como a Ronda da Muralla e a Rúa Puro Cora, “habilitaranse carrís separados para vehículos e corredores, asegurando a coexistencia ordenada durante a carreira”, insiste Alexandre Penas.

O concelleiro quixo destacar esta carreira como “unha oportunidade para gozar do deporte e do noso patrimonio”, e solicitou “a colaboración da veciñanza ante as restricións, xa que serán clave para o éxito e seguridade do evento”.

A organización contará tamén coa colaboración da Policía Local, Protección Civil e persoas voluntarias para controlar os cortes de tráfico e garantir a seguridade en todo o percorrido.

⚙ Configurar cookies
0.34368896484375