Presentado o programa das festas da Piringalla, que se celebrarán do 14 ao 18 de maio

A Piringalla xa se prepara para as súas festas patronais, que terán lugar entre os días 14 e 18 de maio e contarán co apoio do Goberno galego.
O programa foi presentado nun acto no que participaron o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e membros da Asociación de Veciños, Cultural e Deportiva do barrio, presidida por Ricardo Varela, entidade encargada de organizar os festexos.
A programación arrincará o mércores 14 cun pregón a cargo do xornalista Francisco Rivera Cela. Ese mesmo día realizarase a entrega dos Bastóns de Ouro de San Isidro 2025 e unha solta simbólica de globos pola paz, xunto con outras actividades pensadas para todos os públicos. Durante os cinco días de festa, os asistentes poderán desfrutar de barracas, xogos e actividades lúdicas para toda a familia.
Entre os eventos destacados figura a celebración do noveno Campionato do Mundo de Lanzamento de Pantuflas, unha cita xa emblemática destas festas, que terá lugar o venres 16 a partir das 20.00 horas. Ademais, están previstas verbenas todas as noites, agás o domingo, cando as festas se clausurarán cunha degustación gratuíta de chocolate con churros para os nenos e nenas.
CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO DAS FESTAS DA PIRINGALLA 2025
PREOCUPACIÓNS DOS ORGANIZADORES
Durante o acto de presentación, Ricardo Varela e outros membros da asociación veciñal expresaron a súa preocupación polos horarios establecidos para as verbenas. Segundo manifestaron, o Concello de Lugo atribúe a súa regulación á normativa autonómica, o que xerou certa confusión entre os organizadores.
O delegado territorial, Javier Arias, aclarou que a competencia sobre os horarios das festas populares recae nos concellos, e que a normativa da Xunta só establece un marco xeral. En concreto, referiuse á Orde do 23 de outubro de 2020, que desenvolve a Lei de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia. Nela, determínase que as verbenas poden rematar como máximo ás 4:00 da madrugada, pero os concellos poden adiantar ou atrasar este horario ata en dúas horas segundo as características da contorna.
“Hai milleiros de festas en Galicia e cada unha ten unha casuística diferente, non é o mesmo un campo da festa afastado que unha contorna residencial, por iso deixamos en mans dos concellos a decisión final de cada caso”, indicou Arias.
A normativa tamén regula os horarios de apertura e peche de establecementos e espectáculos públicos, incluíndo ampliacións de media hora nas noites de fin de semana e festivos, o que dá certa flexibilidade aos organizadores e autoridades locais para adaptar os horarios ás necesidades e particularidades de cada celebración.