Presentado o proxecto de renaturalización e transformación da praza Roxa

LugoXa
Presentouse á veciñanza de Fingoi o proxecto de renaturalización para transformar a coñecida como Praza Roxa nun novo pulmón verde da cidade.
Praza fingoi proxecto
22 Mar 2023

Presentouse á veciñanza de Fingoi o proxecto de renaturalización co que o Concello de Lugo pretende transformar a coñecida como Praza Roxa nun novo pulmón verde da cidade. A alcaldesa, acompañada do tenente de alcaldesa e concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Fernández, deu conta ás persoas residentes na contorna dalgúns dos detalles do proxecto, cuxa materialización suporá un investimento municipal próximo ao millón de euros, o que dá conta do seu calado.

“Unha obra que será exemplo de cara onde camiña Lugo na creación de espazos públicos, nos que os materiais duros, como o formigón ou o cemento, irán desaparecendo en prol de contornas verdes, moito máis naturais, saudables e confortables. Neste caso, ademais, a praza experimentará un xiro de 360º, na que só se manterá o vermello da cancha coa que se identifica o recinto, para converterse nun oasis urbano de vexetación que predominará como constante na conciliación de espazos abertos para o xogo, o deporte, o paseo ou o descanso”, sintetizou Lara Méndez.

Segundo explicou a rexedora, a actuación favorecerá a creación dun espazo libre dunha superficie aproximada de 6.000 m² – da que o 70% será zona verde - aproveitando o sistema dotacional existente, no que se conxugarán áreas axardinadas con todos servizos que ofrece na actualidade.

“Apostamos por unha reconversión absoluta da zona que desbotará o concepto actual de partes estancas - cada unha cun destino ou finalidade diferente - por outra configuración moito máis aberta e integradora de usos conectados dentro da trama urbana”, sinalou Lara Méndez.

Así, a futura praza será deseñada aliñada nos principios de accesibilidade e sostibilidade, seguindo o modelo de municipio que a alcaldesa está a impulsar dende o mandato pasado.

“Traballamos coa previsión de executar unha zona de tránsito de plataforma única, sen escaleiras, que favoreza unha maior inclusión y máis comodidade ao tempo que axuda ao acougado do tráfico, coa consecuente mellora da seguridade para as persoas usuarias e que será compatible co mantemento do número de prazas de estacionamento hoxe operativas”.

“Desbotarase a urbanización que hai agora mesmo, estruturada en áreas funcionais independentes, rachando coas cubertas de materiais duros, así como coa sensación de illamento que transmiten os peches perimetrais para dar paso a un lugar de socialización, divertimento, repouso e convivencia interxeracional”, avanzou Méndez.

“Está previsto que acolla un gran espazo deportivo ao aire libre, que manteña a esencia da actual, e un novo parque infantil cuberto que poderá usarse durante todo o ano. Igualmente, habilitaremos unha extensa superficie verde, conservando o arboredo existente, na que terá cabida unha zona de auga”, adiantou a rexedora.

Ademais do emprego de materiais sustentables e reciclados, avanzarase no uso de novas técnicas construtivas, como o aproveitamento do ciclo de auga, desde a recollida de choiva na cuberta da área de xogo ao seu almacenamento na zona acuática.

0.1522798538208