Presentado un obradoiro de perrucas oncolóxicas que se celebrará o sábado non Vello Cárcere

LugoXa
A actividade, organizada pola especialista en próteses capilares Alma Pacín, contará coa influencer Blanca Torres e Juan José López, preparador físico
perrucas-oncoloxicas
21 Apr 2025

O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, presentaron a xornada para pacientes oncolóxicos que terá lugar este sábado 26 de abril, a partir das 18:00 horas no Vello Cárcere. Cristina López afirmou que esta xornada contará "cunha charla-obradoiro orientada a persoas que están a atravesar tratamentos oncolóxicos e desexan atopar ferramentas para afrontar a perda de cabelo, unha das consecuencias físicas e psicolóxicas máis relevantes destes tratamentos".

A iniciativa está impulsada por Alma Pacín, especialista en próteses capilares e perrucas para pacientes oncolóxicos. Pacín estará acompañada por Blanca Torres, maquilladora profesional de Telecinco e influencer, e Juan José López, preparador físico e paciente oncolóxico, que achegará o seu testemuño e consellos para o benestar integral na enfermidade.

A actividade combinará parte práctica con conversas inspiradoras. O obxectivo é ofrecer apoio e recursos para mellorar a autoestima e o benestar das persoas afectadas, dando visibilidade ás alternativas que teñen ao seu alcance e fomentando o acompañamento profesional e persoal neste proceso.

O evento conta coa colaboración da Tenencia de Alcaldía do Concello de Lugo, e pretende achegar á sociedade a importancia de tratar non só os aspectos físicos da enfermidade, senón tamén o seu impacto emocional. A organizadora, Alma Pacín convidou "a toda a veciñanza a asistir á actividade" e agradeceu á Tenencia de Alcaldía "a colaboración para dar ferramentas ás persoas que están a pasar por esta doenza".

⚙ Configurar cookies
0.17629599571228