Presentados os Orzamentos para 2023 ao Consello Económico e Social
Hoxe realizouse a presentación ás persoas integrantes do Consello Económico e Social (CES), o proxecto de Orzamentos para 2023 que ascende a case 118 millóns de euros.
A alcaldesa foi a encargada de presidir a reunión deste órgano de participación, constituído polos representantes dos grupos políticos municipais, o tecido empresarial e sindical, a Universidade, alén doutras Administracións como a Xunta e a Deputación provincial.
O Presuposto municipal foi, así mesmo, aprobado na sesión da Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá, de forma que a súa tramitación continuará o martes coa celebración dunha Comisión de Contas e a realización dun Pleno Extraordinario, o próximo venres, 16 de decembro, no que se sometará a debate e tralo cal se abrirá un proceso para que, quen o estime oportuno, poida presentar alegacións.
A mandataria lucense, Lara Méndez, incidiu durante o encontro en que, as de 2023 serán unhas contas “expansivas” nas que “o Concello seguirá apostando polo carácter social das políticas municipais debido á necesidade de saír con fortaleza do proceso de recuperación económica” que se desprendeu da crise sanitaria e da situación inflacionaria que atravesamos e que mantén disparado o IPC – debido ao incremento dos prezos da enerxía – a raíz do conflito bélico en Ucraína.
“Sendo esta a realidade que nos toca vivir, o Concello de Lugo pretende contribuír a esta recuperación cun orzamento que incorpora un considerable aumento do gasto, xa que resulta indispensable para darlle cobertura a esa suba de prezos en servizos e investimentos”, sinalou a alcaldesa.
Deste xeito, Méndez comprometeuse a que, durante o vindeiro ano, as taxas e os impostos municipais seguirán conxelados, “xa que non é momento para impoñer máis cargas fiscais á veciñanza”, ao tempo que o Goberno local manterá as contías dedicadas a gastos sociais e de vivenda, sen esquecer outras necesidades da cidade como son a limpeza, o medio ambiente ou o transporte.
“Este proxecto orzamentario, o derradeiro do mandato en vigor, enmárcase, pois, dentro dun contexto de recuperación da crise económica, social e sanitaria. Unha recuperación non exenta de incertezas pero que grazas á inmellorable posición de liquidez e estabilidade que posúe a Administración Local, nos permite continuar axudando aos sectores sociais e colectivos máis castigados e vulnerables e mellorar, ao mesmo tempo, os servizos á cidadanía mentres impulsamos a reactivación do tecido produtivo”, engadiu.
Méndez subliñou que ese incremento do gasto se levará a cabo de acordo ao marco de dispoñibilidade dos recursos cos que contamos xa que, para iso, “levamos realizado unha previsión prudente e, sobre todo, realista dos ingresos e sempre en cumprimento do marco legal actual”.
Neste senso, a alcaldesa lembrou que no próximo exercicio se mantén a supresión das regras fiscais, entre elas, a de gasto. “Unha circunstancia que unida á solvente posición económica do Concello e ao seu nulo nivel de endebedamento, nos permitirá que, chegado o momento, se poida concertar débeda,manténdonos, aínda así, moi por baixo dos límites prudentes”, matizou.
A rexedora sostivo, igualmente, que o sistema de prioridades empregado na elaboración do plan “é o do propio equipo de Goberno, o do noso compromiso co desenvolvemento sostible, a igualdade, o dereito á vivenda, a responsabilidade para coa emerxencia climática e a innovación. Prioridades que se plasmanen programas concretos do orzamento, pero que resultan transversais na maioría das actuacións que se realizan en calquera das actividades municipais”, concluíu a rexedora.
Liñas estratéxicas do Orzamento Municipal de 2023
Un ano máis o Concello manterá conxeladas as taxas e os impostos municipais, para non impoñer máis cargas á veciñanza e seguen a priorizarse os investimentos en políticas sociais, ás que se destinarán en torno aos 30 millóns de euros a través dos programas sociais de benestar, persoas maiores, muller e infancia.
Tamén se incrementan o capítulo de investimentos nun 17’85% respecto ao 2022, ata acadar os 14 millóns de euros co obxectivo de seguir avanzado na transformación de Lugo e na mellora das infraestruturas dos barrios e do rural, para o que se aproveitarán os fondos europeos, mantendo á cidade á vangarda das políticas de benestar social e loita contra co cambio climático. O gasto corrente aumentará tamén nun 9%, indispensable para cubrir a suba de prezos en servizos e investimentos e atender as necesidades do municipio.
Entre as partidas máis destacadas destes presupostos figuran os 6,5 millóns no proxecto de peonalización integral do Casco Histórico do proxecto Corazón Verde, os 1,4 milóns nos proxectos do DUSI Muramiñae e os 1.300.000 en peonalización e humanización dos barrios. Ademais tamén os 300.000 euros en mellora de iluminación pública viaria na zona urbana e 140.000 euros na zona rural así como os 700.000 euros en pavimentacións e os 658.000 euros no proxecto de turismo de creación dun centro etnogastronómica na Fábrica da Luz a través dos fondos europeos entre outros.